"O vello e o minotauro" de Jesús Castro Yáñez gaña o primeiro premio de relato breve "Nélida Piñón"

Cerdedo-Cotobade
31 de marzo 2015

O galardón é froito da colaboración conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Concello de Cotobade e Deputación de Pontevedra. Presentáronse 180 orixinais ao concurso, que busca promover a actividade literaria en galego ao tempo que se homenaxea á autora con raíces galegas

Certame de Relato Breve "Nélida Piñón"
Certame de Relato Breve "Nélida Piñón" / Xunta de Galicia

Jesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve ⿿Nélida Piñón⿝, organizado grazas á colaboración conxunta entre Concello de Cotobade, Consellería de Cultura e Educación e Deputación de Pontevedra.

A súa obra, ⿿O vello e o Minotauro⿝, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer este martes nunha rolda de prensa.

En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. ⿿O vello e o Minotauro⿝ é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga.

UN IMPULSO Á LINGUA NA ESCRITA E UNHA HOMENAXE

Convocado por primeira vez, o obxectivo deste galardón non só pasa por promover a creación literaria en galego no ámbito da narrativa breve, senón que tamén quere ser unha sentida homenaxe á autora brasileira con raíces galegas que lle da nome.

Nélida Piñón garda vinculación familiar co municipio de Cotobade, que a nomeou filla adoptiva no ano 2005.

Escritora de gran relevancia internacional, recibiu o premio Príncipe de Asturias no 2005, foi a primeira muller no mundo que presidiu unha academia da lingua (a Academia Brasileira das Letras) e resultou distinguida, entre outros fitos, como doutora honoris causa por diversas universidades, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela. O pasado 27 de setembro ingresou como membro de honra na Real Academia Galega.

O premio está dotado con 6.000 euros.