O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu xunto co deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, no Pazo provincial a Esteban Batallán, trompeta principal da Chicago Symphony Orchestra e tamén profesor en DePaul University e na Civic Orchestra de Chicago.
Durante o encontro, o presidente provincial eloxiou a figura de Batallán, ao que cualificou como "un pontevedrés que leva o noso nome polo mundo" e "exemplo de que con traballo e esforzo alcánzanse os soños".
Dende que Batallán tiña comprado un disco da primeira sinfonía de Gustav Mahler gravado pola Chicago Symphony Orchestra sempre foi o seu desexo converterse en trompeta principal da mesma. Algo que, logo de moita formación, moito esforzo e un longo proceso, puido conseguir en 2019.
Esteban Batallán comezou a estudar música aos sete anos na Escola de Música de Barro e completou a súa formación no Conservatorio de Música de Pontevedra, no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.
Ten colaborado con orquestras sinfónicas de todo o mundo, desde España aos Países Baixos, Inglaterra, Suíza, India, Estados Unidos, Francia, Hong Kong. Ao longo da súa traxectoria gañou numerosos concursos nacionais e internacionais e ten exercido de profesor en España, Inglaterra, Francia ou, entre outros países, Estados Unidos.