O Trío Pedrell interpretará en Pontevedra composicións de Mendelssohn e Dvorák

Pontevedra
24 de xaneiro 2024

O vindeiro luns, día 29, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra organiza un novo concerto para os seus socios. Nesta ocasión estará a cargo do Trío Pedrell (violín, violoncelo e piano). O concerto celebrarase no Teatro Principal e dará comezo ás 20:30 horas

Trío Pedrell
Trío Pedrell / Trío Pedrell

O vindeiro luns, día 29, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra organiza un novo concerto para os seus socios. Nesta ocasión estará a cargo do Trío Pedrell (violín, violoncelo e piano). O concerto celebrarase no Teatro Principal e dará comezo ás 20:30 horas.

Os membros do Trío Pedrell coñecéronse na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC, Barcelona) e en 2012 crearon esta formación coa que desde entón levaron a cabo un traballo constante de profundización no repertorio para trío con piano, sempre co obxectivo compartido de presentar a música do pasado ao público de hoxe ofrecendo unha lectura contemporánea, honesta e apaixonada. 

Foron premiados no XXIV Concurso Internacional Papel de Música de Capellades, no XIII Premio BBVA de Música de Cámara Montserrat Alavedra, IV Concurso Internacional de Música de Cámara Antón García Abril, IX Concurso Internacional de Cámara das Cortes, no Concurso Mi Primeiro Auditorio da Fundación Più Mosso ou o International Chamber Music Competition Pinerolo e Torino città Metropolitana.

O seu primeiro disco "Raíces", con obras de Felipe Pedrell e Roberto Gerhard, valeunos o premio Enderrock 2018 ao mellor álbum de música clásica pola crítica. Actuaron en salas como o Auditorio de Barcelona, Palau da Música e o Auditorio Nacional de Madrid. Tamén foron convidados a realizar concertos en todo España, Alemaña e China. O nome do trío rende homenaxe ao compositor, musicólogo, editor e etnomusicólogo Felipe Pedrell, un dos pais da música nacionalista española. En Pontevedra o Trío Pedrell ofrecerá o Trío nº 1 de Mendelssohn, e o Trío nº 3 de Dvorák.

A Sociedade Filarmónica de Pontevedra volverá ofrecer un concerto o vindeiro xoves 1 de febreiro, e estará a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Andrés Salgado e actuando como solista o violinista Ludwig Dürichen. O concerto, en colaboración con Afundación, celebrarase no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra. 

As persoas que non sexan socias da Sociedade Filarmónica de Pontevedra e desexen asistir ao mesmo poden adquirir as entradas en ataquilla.com.