O Teatro Principal, primeira parada da nova xira de Os Coribantes o 18 de maio

Pontevedra
16 de maio 2024

As entradas terán un prezo popular de 5 euros e poderán ser adquiridas na billeteira do Principal e no establecemento Musical Pontevedra. A actuación será a partir das 21.00 horas 

Presentación do concerto dos Coribantes
Presentación do concerto dos Coribantes / Concello de Pontevedra

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este vindeiro sábado, 18 de maio, un concerto de Os Coribantes. Será a primeira actuación do grupo dentro da súa nova xira, que leva por título 'Seguir soñando'.

As entradas terán un prezo popular de 5 euros e poderán ser adquiridas na billeteira do Principal e no establecemento Musical Pontevedra. 

A actuación será a partir das 21.00 horas e contará con participantes entre 6 anos e idade adulta e co director gaiteiro Marcos Campos.

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, e Ángel Rodríguez e Andrés Lorenzo, responsables de Os Coribantes, presentaron a cita musical este mércores. 

Durante a presentación, Demetrio Gómez destacou a implicación das persoas que fan posible o mantemento da música tradicional, ao tempo que permiten xerar unha programación musical e cultural "realmente completa" ao longo de todo o ano.

Andrés Lorenzo explicou que os Coribantes é unha agrupación especial, que sempre está na procura de novas pezas, novas danzas e novos instrumentos nas súas actuacións, que van máis aló da música tradicional, procurando en Irlanda, por exemplo, novas vías de expresión.

Lorenzo tamén explicou que con este concerto inauguran un repertorio que "recupera cantigas xa case esquecidas e que realmente é moi chulo".