O gastroespazo do mercado de abastos acolleu este xoves a primeira sesión de teatro espontáneo que se desenvolve na cidade. É unha actividade impulsada polo departamento municipal de Benestar Social, en colaboración coa asociación Inzar.
Trátase dunha actividade interpretativa sen guion previo, no que os actores e actrices, autores e público interactúan e constrúen un relato colectivo.
Así, as sesións de teatro espontáneo busca crear condicións para que as persoas poidan expresarse con liberdade, dicir o que queiran, reflexionar sobre os temas que lle interesan ou inquietan, debater sen confrontación, buscar respostas e transitar cara a unha creación colectiva.
Este obradoiro é unha actividade mensual que se desenvolve en dúas sesións de hora e media, en dous xoves consecutivos.
O terceiro xoves de cada mes celébrase unha sesión de adestramento en técnicas de escenificación, improvisación e teatro espontáneo na Casa Azul, en horario de 19.30 a 21.30 horas. É unha actividade aberta, polo que para participar só hai que acudir.
Unha semana máis tarde, o cuarto xoves do mes, o gastroespazo do mercado acolle unha representación pública deste teatro de improvisación, en horario de 20.00 a 21.30 horas.
Malia non ser, en termos rigorosos, un produto artístico nin un recurso terapéutico, segundo os seus responsables, o teatro espontáneo é unha ferramenta de resolución de conflitos, unha intervención social que fomenta o diálogo social respectando a diversidade, fortalece o desenvolvemento humano e a conciencia cívica e incentiva a participación social activa.