O 'Teatro de Barrio' regresa ao Principal con cinco espectáculos de compañías afeccionadas

Pontevedra
27 de setembro 2024

Este xoves, 26 de setembro, botou a andar unha nova edición do ciclo de teatro afeccionado ‘Teatro de Barrio’. As seguintes representacións serán o venres 27 de setembro e os días 2,3 e 4 de outubro, todas ás 20.30 horas no Teatro Principal

Representación de 'Que facemos con mamá?'
Representación de 'Que facemos con mamá?'

Este xoves, 26 de setembro, botou a andar unha nova edición do ciclo de teatro afeccionado ‘Teatro de Barrio’, que durante os vindeiros días representará cinco espectáculos diferentes no Teatro Principal. 

As seguintes representacións serán o venres 27 de setembro e os días 2,3 e 4 de outubro, todas ás 20.30 horas no Teatro Principal.

As entradas xa están á venda a un prezo simbólico de 2 euros en Ataquilla.com e, de non esgotarse, unha hora antes de cada pase na billeteira do Principal

O actor e profesor de teatro Manuel Solla, coordinador do ciclo, agradeceu a sensibilidade e colaboración do Concello con este proxecto que "é un produto cultural de proximidade para dar visibilidade aos grupos de teatro afeccionado de Pontevedra e a súa contorna".

Con este ciclo, segundo Manuel Solla, "damos valor ao traballo que fan como dinamizadores culturais dos compoñentes". 

O espectáculo deste xoves foi 'Triste chegada', do grupo Amileños (Moraña), unha comedia costumista ambientada na Galiza interior que amosa a convivencia dunha aldea, o traballo dos xornaleiros/as, a volta da emigración dunha veciña chegada das Américas logo de 8 anos aló e as relacións dos veciños. 

Este venres 27 de setembro será a quenda de 'Que facemos con mamá?', do grupo Salcedo Norte. Trátase dunha comedia contemporánea que fai reflexionar sobre a problemática social e visibiliza e conciencia sobre a enfermidade do Alzheimer.

O mércores 2 de outubro Expresión Teatro (Mourente) representará 'Os limpas', unha comedia xestual, trepidante, creativa e moi dinámica na que uns limpadores transforman o seu traballo nun mundo único de creación, orixinalidade, xogo e humor onde nada é o que parece.

O xoves 3 de outubro a Aula Municipal de Teatro da Illa de Arousa representará 'A chegada de Carmiña', unha comedia costumbrista de ambiente mariñeiro que reflicte a vida mariñeira dunha aldea que ben podería ser a Illa de Arousa.

O venres 4 de outubro o grupo Lúa Chea (Poio) representará 'Resart, Residencia de artistas', unha homenaxe aos maiores do grupo. Nesta compañía todos os integrantes están próximos aos 100 anos.