Este mércores abriu as súas portas a mostra "Castelao grafista (facsímile)" que poderase ver ata o vindeiro 29 de decembro no Teatro Auditorio Valle-Inclán de Vilanova de Arousa onde se poderá visitar de luns a venres en horario de 16 a 21 horas.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación, debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.
A exposición componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración.
O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido.
Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.