O ⿿Star Trip⿿ de Yllana, plato forte dun Salón do Libro que multiplica as actividades na ponte festiva

Pontevedra
19 de marzo 2015

O Pazo da Cultura estase a preparar para afrontar unha ponte festiva que chega cunha chea de actividades dentro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Abrirá as súas portas os tres días tanto pola mañá como pola tarde

Escena promocional do espectáculo "Star Trip" de Yllana
Escena promocional do espectáculo "Star Trip" de Yllana / Salón do Libro

O Pazo da Cultura estase a preparar para afrontar unha ponte festiva que chega cunha chea de actividades dentro do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. O grande atractivo será a representación de Star Trip, o novo espectáculo da compañía Yllana. O auditorio pontevedrés acollerá o domingo 22 de marzo, a partir das 18.30 horas, esta función que completará a intensa programación para estes días.

Star Trip, recomendada para público familiar a partir de oito anos, está protagonizada por catro intrépidos astronautas que levan medio século hibernando dentro dunha nave espacial que vaga polo espazo.  Os actores que dan vida a tan particulares personaxes son Antonio Pagudo (coñecido polo seu papel de Javi na serie televisiva La que se avecina), Fidel Fernández, Raúl Cano e Juan Ramos.

O espectáculo, duns 75 minutos de duración, comeza co espertar da tripulación e a súa loita por dominar unha nave que parece ter vida propia. A comedia vén dada polos diferentes mundos cos que van colidindo os catro astronautas. Ademais, a compañía teatral destaca o coidado da banda sonora da peza e os elaborados efectos visuais, que renden homenaxe ao xénero da ciencia ficción.

Aos tradicionais obradoiros e sesións de contacontos, que xa se veñen celebrando dende que a cita coa cultura abriu as súas portas, hai que engadir estes días outras ofertas culturais como o ciclo de cinema de animación infantil, que comeza este venres. Trátase de seis películas que se proxectarán con entrada de balde no Salón de Actos o venres, o sábado e o domingo, dous por día.

Os títulos de mañá venres son ⿿O bosque animado⿿ (12 horas) e ⿿A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol⿿ (18:30 horas), os do sábado son ⿿Holy night!⿿ (12 horas) e ⿿A tropa de trapo na Selva do Arco da Vella⿿ (18:30 horas), mentres que os do domingo son ⿿P3K. Pinocho 3000⿿ (12 horas) e ⿿O soño dunha noite de San Xoán⿿ (18:30 horas).

Por outra banda, a Orquestra de Cámara Lira, acompañada por bailaríns da Escola de Danza Deborah, ofrecerá o venres (18:30 horas) o concerto ⿿A miña estrela⿿, unha estrea exclusiva do Salón do Libro, destinada a público familiar. As entradas, a 3 euros, pódense adquirir no Pazo da Cultura dende unha hora antes de que comece a actuación.

A literatura, como non podía ser doutro xeito, tamén terá un papel importante esta fin de semana no Salón, coa presentación do libro ⿿Porque Cuqui non quere ir á lavadora⿿, escrito por María Lado; o coloquio ⿿A literatura infantil e os temas feos⿿, no que os escritores Clara Roxo e Francisco Castro conversarán sobre temáticas complicadas para os nenos como as enfermidades nos adultos.

OBRADOIROS PARA ADULTOS

Ademais, a Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia ofrecerá durante estes tres días o obradoiro ⿿Ciencia na casa para pais e nais atrevidos⿿, con prazas limitadas a 30 persoas por sesión. Os participantes poderán facer, utilizando materiais comúns, atractivos e enxeñosos experimentos.

A ciencia, protagonista deste ano do Salón, tamén centrará o obradoiro ⿿Visionado de estrelas⿿ este venres, día no que terá lugar unha eclipse solar. A partir das 21 horas, un experto astrónomo achegará aos asistentes ao ceo de Pontevedra dende a terraza do Pazo para facer un visionado de estrelas, satélites e planetas co apoio de diferentes telescopios.

Así mesmo, os días mundiais do Medio Ambiente e da Auga terán a súa particular homenaxe estes días. O primeiro deles, o sábado (17:30 horas), celebrarase cunha saída á Illa das Esculturas (se o tempo o permite) para coñecer a importancia das árbores e dos bosques; mentres que o segundo conmemorarase este domingo coa actividade ⿿Aqualoxía no Salón⿿, un obradoiro destinado a nenos de oito anos en adiante que explica o ciclo urbano da auga a través de varios experimentos: limpeza, análise, filtración, desinfección e salinidade.