Cunha gran festa de benvida, a cargo de Gato López -a única banda tributo a Ska-P-, comeza este xoves o SonRías Baixas, a quinta cita deste verán cos Festivais Rías Baixas. Bueu acollerá os días 4, 5 e 6 de agosto unha nova edición deste festival que, tres anos despois da última vez, volverá encher a vila de música e xente con ganas de pasalo ben.
O festival, organizado pola Asociación Troula na Banda, regresa con forzas renovadas. Trece coñecidos grupos do panorama estatal e internacional subirán ao escenario dun evento que volve apostar pola combinación de música, contorno natural e gastronomía como principal marca de identidade.
O SonRías Baixas aposta este ano por grandes bandas galegas como Heredeiros da Crus, The Skarnivals ou Chotokoeu, que actuarán no escenario principal que se situará no recinto multiusos da Estacada como parte dun cartel que encabezan o grupo catalán La Gran Pegatina, que chega a Galicia cunha nova e máis ampla formación, e o uruguaio La Vela Puerca.
Ademais, en Bueu volverán tocar bandas que xa forman parte da historia deste festival, como Boikot ou Soziedad Alkoholika, ademais de contar co grupo punk Lendakaris Muertos no seu regreso aos escenarios ou de nomes que comezan a soar con forza no circuíto estatal, como Vendetta ou La Sra. Tomasa.
Os horarios dos concertos son:
XOVES 4
- 22.00 horas: Troula Benvida. Gato López - Tributo a Ska-P
VENRES 5
- 20.15 horas: Chotokoeu
- 21.30 horas: La Gran Pegatina
- 23.30 horas: Lendakaris Muertos
- 01.15 horas: Heredeiros da Crus
- 03.00 horas: La Sra. Tomasa
SÁBADO 6
- 20.15 horas: The Skarnivals
- 21.30 horas: Soziedad Alkoholika
- 23.30 horas: Boikot
- 01.15 horas: La Vela Puerca
- 03.00 horas: Vendetta
Ademais, xunto cun cartel que abrangue desde o rock ata o metal, pasando polo punk, o ska, a electrónica ou o folk, os asistentes poderán degustar unha singular oferta gastronómica preparada polos chamados RockChef (Quique Otero, de Banda Crebinsky; Juaki, de Dakidarría, e Tonhito de Poi, de Heredeiros da Crus). Será na actividade Casa SonRías.
Poetarra e Gold & Colt protagonizarán cadanseu concerto na mañá do sábado dentro deste programa músico-gastronómico, durante o que tamén se ofrecerá o menú preparado polos tres ‘rockchef’ deste ano.
A programación deste ano compleméntase cunha carteleira audiovisual grazas á colaboración entre o SonRías Baixas e o Festival Internacional de Curtametraxes FICBueu.
O Centro Social do Mar converterase en cinema o sábado pola tarde, a partir das cinco e media da tarde, para a proxección de seis curtas, entre as que se atopan as gañadoras do primeiro premio e do premio do público na pasada edición do FICBueu: a cinta alemá Nashorn in Galopp e a catalá El corredor, respectivamente. A entrada para esta actividade será libre ata completar a capacidade da sala.
A experiencia SonRías complétase cunha zona de acampada ao carón da praia que, combinada coa música e a gastronomía do festival, ofrecerá un evento único para todos os festivaleiros que se acheguen estes días a Bueu.