A 19ª edición do SonRías Baixas, celebrada os días 4, 5 e 6 de agosto, "foi a confirmación do retorno do festival en toda a súa plenitude", segundo destacou o co-director do festival, Jordi Lauren, CEO de PlayPlay Cultural, organizadora do evento.
A celebración do festival implicou a contratación de máis de 20 bandas e os seus respectivos equipos, mais tamén supuxo a contratación de provedores locais. Así, o SonRías Baixas 2022 xerou 510 empregos directos. Ademais, durante o seu desenvolvemento, Bueu contou cunha ocupación do 100% das súas plazas hoteleiras, un dato positivo que tamén se trasladou ás localidades da contorna da vila.
Os organizadores aseguran que o impacto económico na zona pola celebración do festival foi duns 1,25 millóns de euros.
O evento contou con 22.230 asistentes, superando a cifra de 2019 e converténdose no récord de público do festival. A organización destaca que o público foi maioritariamente feminino e de idades moi novas. Nomeadamente, entre a franxa de idade dos 18 aos 22 anos (13%), 23 aos 25 anos (16%) e 26 aos 28 anos (16,8%); aínda que cómpre salientar tamén a franxa de menores de 1 a 17 anos (7%) que se deron cita no Recinto Multiusos da Estacada de Bueu.
No tocante ás bandas, Tanxugueiras foi un dos grupos máis aclamados polo público, que vibrou co concerto das pandeireteiras no que se lles entregou un disco de ouro polo seu single 'Terra', que conta xa con máis de 30.000.000 de reproduccións.
Tamén foron moi aplaudidos o regreso de bandas e artistas como La M.O.D.A, Rayden ou Kase.O e tamén contou cunha gran acollida a actuación de Rels B na noite do xoves 4, nunha edición marcada especialmente pola incorporación de novos estilos musicais ao seu cartel.
"A nosa intención foi a de chegar a todos os públicos e incluír na programación estilos diversos, como o rap ou as músicas de raíz, e seguir consolidando SonRías como o primeiro gran festival ao que asiste o público máis novo", sinala Berta Domínguez, co-directora do evento, quen lembra a importante presenza de mulleres no cartel, como é o caso de Bala, Tanxugueiras, Sofía Gabanna, Balkan Paradise Orchestra, Cool Nenas ou Sara Hebe.