O Son da Serea e O Serán da Tralla, os plans do Local de Música para este verán

Pontevedra
03 de xullo 2022

Un total de 15 bandas diferentes, en estilo, forma e compoñentes, formarán parte dalgún dos dous programas cos que o Local de Música de Pontevedra festexará o verán 2022. Trátase de O Son da Serea e o Serán da Tralla, que encherán a cidade de espectáculos en directo os días 14 e 26 de xullo

Son da serea 2018
Son da serea 2018 / Mónica Patxot

Un total de 15 bandas diferentes, en estilo, forma e compoñentes, formarán parte dalgún dos dous programas cos que o Local de Música de Pontevedra festexará o verán 2022. Trátase de O Son da Serea e O Serán da Tralla, que encherán a cidade de espectáculos en directo os días 14 e 26 de xullo.

O Local realiza formacións individuais presenciais desde o 28 de xuño cos grupos do Serán de Tralla, a  formación que inclúe a todas as bandas que ofrecerán o seu primeiro bolo ou que aínda están en etapas moi temperáns de xestación do seu proxecto. Os grupos teñen dúas sesións de unha hora para preparar un concerto directo e coñecer e saber usar os medios técnicos que un ten á súa disposición.

O Son da Serea xa engloba a aquelas agrupacións cun traballo máis avanzado no musical, que contan con certo percorrido polo Local, e que están tentando ir un pouco máis alá.

Este luns, 4 de xullo, ás 19.30 horas, será a primeira formación do Son da Serea, unha xuntanza que terá como temática a idea de como facer que un grupo funcione e como conseguir concertos. Ademais, realizarase un obradoiro práctico onde revisar todos os ángulos dun proxecto musical aplicando metodoloxías traídas do Learn Start Up, do marketing e doutros procesos de innovación e aprendizaxe.

O martes, 5 de xullo, será a segunda formación do Son da Serea, coa temática ‘O son dunha banda en directo, ecualización e rider técnico’, cunha masterclass onde serán explicados conceptos e métodos para conseguir un bo son ao vivo, amais do propio proxecto musical.

Do 18 ao 22 de xullo, avanzando no calendario, celebraranse as formacións presenciais de cada banda do Son da Serea. Isto se traduce en dúas horas de traballo interno coa banda ao completo para preparar os concertos e os temas técnicos.

Finalmente, o 14 de xullo a explanada do Local de Música xa será testemuña dun dos primeiros días grandes, cos concertos de: Napalm, Tear me apart, Rubén López, Insire Name, Meloxdeath e Moreak.

O Son da Serea vivirá a súa xornada de música ao vivo o martes 26 de xullo a partir das 18 horas, na Praza de Curros Enríquez, co talento de: Dalsi, Svzio XVR, Pladür, Mobb Kidz, Dabelaii, Los Fuzz Faces, North Process e Brutal.

O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, destaca que estes programas son "a cristalización dese talento emerxente que temos na cidade e que queremos que forme parte dela, que veciñanza e visitantes poidan ver como soa a xente que pasa polo Local, que fan, que queren ser".

O obxectivo é dar oportunidades a esas bandas que comezan ou que queren dar un paso máis. Nos últimos anos o Local converteuse nun dos espazos máis dinamizadores e dinamizados da Boa Vila e, tal e como destaca Oubiña, "nun referente xa non só en Pontevedra, senón no país, á hora de fomentar a actividade musical e a posibilidade de practicala en conxunto".