O público pontevedrés poderá gozar por fin coa última película do director italiano Nanni Moretti. Chegará á cidade a través da programación que o Cineclube Pontevedra preparou para o mes de novembro, no que se proxectarán outros dous dos seus filmes.
O sol do futuro, a película que Moretti estreou en salas o mes pasado, poderá verse no Teatro Principal o martes 21 de novembro.
Nela, o director narra a historia dun cineasta que se prepara para rodar o seu novo filme. Pero entre a súa crise de parella, o seu produtor francés ao bordo da quebra e a súa filla que non lle fai caso, todo se pon na súa contra.
A programación incluirá tamén seu mítico Caro Diario (martes 7), que cumpre 30 anos desde a súa estrea, e o documental Santiago, Italia (martes 14), sobre o papel que xogou Italia tras o golpe de Estado que acabou coa vida de Salvador Allende hai cincuenta anos.
En novembro haberá ademais dúas sesións no Cineclube en colaboración coa Filmoteca de Galicia.
A protagonista, o lunes 13, será a artista visual e investigadora María Ruido, de quen se verán A revolución (é) probable e O ollo imperativo, dous ensaios visuais que reflexionan sobre o papel da imaxe na revolución portuguesa e no colonialismo español en Marrocos.
O luns 27 será a quenda de Orlando, a miña biografía política, co que o filósofo e activista trans Paul B. Preciado gañou o Premio Especial do Xurado no Festival de Berlín e que reinventa Orlando de Virginia Woolf, a primeira novela na que o personaxe principal cambia de sexo no medio da historia.
Todas as proxeccións serán ás 20:30 horas e en versión orixinal e subtituladas.