O venres 8 inaugúrase a exposición do pintor pontevedrés Celso Varela na sala de mostras temporais do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ás oito da tarde. A mostra, que leva por título Briallos Paradiso, permanecerá aberta ao público ata o 11 de marzo.
Está comisariada por Tomás Paredes, Presidente da Asociación Española de Críticos de Arte, e a mostra conta con medio centenar de obras, de medio e gran formato, producidas maioritariamente nos últimos cinco anos, nas que se evidencia o sentido da paisaxe do artista e a súa relación coa figura, que derivou dende un acento giacomettiano unha intensa claridade cromática con forte pegada do seu carácter.
Celso Varela Duro é un pintor natural de Briallos en Portas. Caracterízase por ser autodidacta e os seus traballos están conformados por paisaxes, figuras e algúns autorretratos de especial interese creativo e plástico, así como naturezas mortas.
Celso Varela autodefínese como "un pintor á antiga usanza, con métodos e elementos tradicionais para facer unha pintura de hoxe". O seu estilo, segundo o comisario da mostra, que o cualifica de "temperamental", que "pinta por impulsos, cando non o pode obviar", é o de "expresar con sinxeleza as súas obsesións e querencias".
Celso Varela participou dende 1975 en trece exposicións colectivas celebradas en Pontevedra, Vigo, Lalín, Santiago de Compostela e Madrid.
En 1976 fai a súa primeira exposición individual na pontevedresa Sala Torrado, á que lle seguen outras vinte celebradas en diversas cidades de Galicia, entre as que destacan a itinerante polas catro capitais organizada pola Consellería de Cultura en 2001, a titulada "30 anos de pintura", que tivo como sede o Pazo da Cultura de Pontevedra en 2006, ano no que a Deputación de Pontevedra lle dedica unha monografía, e as dúas celebradas na Galería Leonardo de París en 2010 e 2011.