O XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra segue a bater todos os récords. Nos nove días transcorridos entre a súa apertura o venres 10 e este domingo 19 de marzo, máis de 10.000 persoas pasaron xa polo Pazo da Cultura, 6.000 nesta última semana.
Deses 10.000 visitantes, a maioría procede de Pontevedra, pero tamén entran no listado dos principais lugares de procedencia localidades como Vigo, Marín, Vilaboa, Cangas, Vilagarcía, Salceda de Caselas ou Baiona. Ademais, os organizadores teñen rexistrados datos de familias chegadas tamén doutros puntos da xeografía galega como Boiro, Santiago, A Coruña, Carral, Xinzo de Limia ou Vilalba.
Segundo os datos oficiais aportados pola organización, a cifra de asistentes inclúe tanto ao alumnado e profesorado de centros educativos que participou nas actividades para escolares como de público en xeral que acode aos actos programados para as distintas idades.
O espectáculo de Migallas Teatro 'Canta connosco!' foi un dos máis exitosos, ao dar cita no auditorio do Pazo da Cultura este sábado 18 a preto de 600 espectadores.
A organización recorda que este luns será o último día de obradoiros para os 50 centros que colaboraron cos traballos da exposición, pero as visitas guiadas e espectáculos continuarán tódalas mañás dos días laborais ata o 31 de marzo.