O Salón do Libro Infantil e Xuvenil non descansa na fin de semana... nin moito menos

Pontevedra
09 de marzo 2013

Segundo fin de semana do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e, como no primeiro, a actividade non se deterá nin un só intre. Contacontos, obradoiros, teatro e actividades relacionadas coa autora homenaxeada, Marilar Aleixandre, conforman o programa para o sábado e o domingo

Actividades da XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Actividades da XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra /

Segundo fin de semana do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e, como no primeiro, a actividade non se deterá nin un só intre. Son moitas as iniciativas culturais das que poderán gozar pequenos e maiores nestes dous días. Contacontos, obradoiros, teatro e actividades relacionadas coa autora homenaxeada, Marilar Aleixandre, conforman o programa para o sábado e o domingo.

SÁBADO 9

De 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas:  Grandes contos personalizables da editoral Meubook: Grazas ás novas tecnoloxías os máis pequenos poderán converterse en protagonistas dos contos. A partir de 3 anos.

De 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas:  Parque de xogos reciclados "Garabato de xogos": Xogos tradicionais e de habilidade para todas as idades feitos a partir de material de refugallo.

12:00 horas e 18:00 horas: Espectáculo de teatro para bebés e familia Viaxe a Dadá de Teatro da Semente. Viaxe a Dadá é un proxecto para bebés de 0 a 3 anos e país/nais acompañantes, con xogos iniciáticos, cantigas de berce, estimulación sensorial e moito agarimo. Dadá é a infancia simbolizada nun cabaliño de madeira.

De feito a expresión "dadá" prové do balbuceo infantil con que as crianzas francesas lle chamaban ao cabaliño de xoguete. Da man de Chus Álvarez e Raquel Queizás, viaxaremos polas lembranzas da nenez entre xogos e cantigas. As entradas teñen un prezo de tres euros.  O espectáculo terá outra representación ao día seguinte, domingo 10, ás 12.00 horas.

12:00 horas: "A máquina misteriosa do Océano Pacífico" de Polo correo do vento: Obradoiro de debuxo sobre o conto da autora homenaxeada Marilar Aleixandre. A partir de 7 anos.

17:30 horas: "A máquina misteriosa do Océano Pacífico" de Polo correo do vento: Contacontos. A partir de 7 anos.

18:30 horas: Espectáculo musical en primicia A nena e o grilo nun barquiño: Espectáculo músico-teatral baseado no coñecido conto. Recomendado a partir de 2 anos. Entradas unha hora antes na billeteira a un prezo de 3 euros.

DOMINGO 10

De 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas: Grandes contos personalizables da editoral Meubook: Grazas ás novas tecnoloxías os máis pequenos poderán converterse en protagonistas dos contos. A partir de 3 anos.

De 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas: Parque de xogos reciclados "Garabato de xogos": Xogos tradicionais e de habilidade para todas as idades feitos a partir de material de refugallo.

12:00 horas: Espectáculo de teatro para bebés e familia Viaxe a Dadá de Teatro da Semente.

12:00 e 18:30 horas no Teatro Principal: Domingos do Principal "Humanos" de Marie de Jongh.

17:30 horas: "Volta ao mundo en 8 máquinas" de Polo correo do Vento: Contacontos no que os protagonistas, axudados de diferentes máquinas, conseguen completar a súa expedición.