O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra gaña o Premio do Público Culturgal 2013

Pontevedra
15 de novembro 2013

Este galardón, outorgado por primeira vez, recoñece a labor dun proxecto cultural de fomento da lectura con 15 edicións ás costas, que competía co Festival de Cans e a Asociación puntoGal

Ás 00:00 horas do venres e, tras preto de 3 semanas de votacións dende que se coñecera a nominación por parte da directiva da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, pechaba o prazo para amosar o apoio a calquera das 3 candidaturas: A Asociación puntoGal, o Festival de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Unha carreira que preto da meta se converteu nun man a man entre os dous últimos candidatos. O Festival de Cans e o Salón do Libro "pelexaron" ata minutos antes de que rematara o prazo por conseguir este recoñecemento público e o alcance e a repercusión que suporá formar parte do "escaparate" das industrias culturais que se celebrará do 29 de novembro ao 1 de decembro no Recinto Feiral de Pontevedra.

Finalmente, 1.914 mostras de apoio, fixeron vencedor ao proxecto de fomento da lectura e a creatividade nos nenos que celebrará no 2014 a súa 15 edición. O segundo clasificado, o Festival de Cans, acadou 1.674 votos, e a Asociación puntoGal, 196.

A organización do Salón do Libro, que esta mesma semana se reuniu cos centros escolares de infantil e primaria para iniciar as colaboracións de cara á edición 2014 "Cociñando Contos", amosa a súa ledicia polo recoñecemento e especialmente polo apoio recibido, destacando que este premio é de todos os que ao longo destes anos alimentaron este proxecto dende dentro co seu traballo, implicación e creatividade, do público pola súa ilusión de asistir e participar activamente de cada contacontos, obradoiro, espectáculo, etc. e dos medios de comunicación pola cobertura e difusión.

O Salón do Libro, que contará grazas a este premio cun espazo dentro do Culturgal onde presentará o cartel da vindeira edición deseñado pola ilustradorada da AGPI, Pirusca, convidará este ano a participar da súa edición 2014 (do 14 de marzo ao 5 de abril) ao Festival de Cans e á Asociación puntoGal, dignos opoñentes.