O Salón do Libro Infantil e Xuvenil candidato ao Premio do Público Culturgal

Pontevedra
25 de outubro 2013

Recoñecer un proxecto cultural destacado no ámbito social a través da participación popular é a finalidade do Premio do Público Culturgal. O galardón, instituído pola asociación Culturgal, conta con tres candidaturas finalistas: Asociación PuntoGAL, Festival de Cine de Cans e Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Actividades da XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Actividades da XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra /

Recoñecer un proxecto cultural destacado no ámbito social a través da participación popular é a finalidade do Premio do Público Culturgal. O galardón, instituído pola asociación Culturgal, conta con tres candidaturas finalistas: Asociación PuntoGAL, Festival de Cine de Cans e Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Serán os internautas co seu voto os que resolvan que proxecto merece este premio, que será entregado o domingo 1 de decembro no transcurso da Feira. O periodo de votacións comenza o venres 25 de outubro.

Enriba da mesa da Asociación Culturgal houbo un feixe de proxectos destacados propostos polos diferentes gremios que forman a directiva. Para seleccionar as tres candidaturas finais valoráronse especialmente aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.

Finalmente os tres proxectos que máis apoio recibiron na Asociación foron Cans, PuntoGAL e Salón do Libro Infantil e Xuvenil. A partir de agora, a través da web www.culturgal.com, será o público o que decida quen leva o premio.

Da Asociación PuntoGAL destacan na organización da Feira o traballo desenvolto nos últimos anos a prol da consecución dun dominio propio, do recoñecemento dunha marca propia coa que identificar todos os contidos xerados na rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global. Na primavera de 2014 puntoGAL lanzará o rexistro de dominios na Internet tras dar luz verde o ICANN o pasado mes de xuño.

Cans, que celebrará a undécima edición en 2014, é un festival transversal que apoia o asociacionismo a través da implicación de todos e que logra cada ano reunir a milleiros de persoas combinando cine, concertos, desfiles de chimpíns, pasarrúas, coloquios e moita festa. Así o destaca a organización de Culturgal, co engadido da repercusión local e internacional deste proxecto.

Desde 1999 até hoxe, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra medra: en número de actividades, en días, en público, en metros cadrados, en centros educativos participantes, etc. Promovido polo Concello de Pontevedra, con sede no Pazo da Cultura e cun programa sempre sorprendente que se engloba baixo un eixe temático anual -en 2014 será "Cociñando contos"-, o Salón mantén unha identidade vinculada ao libro. En todos os formatos, sen límite á imaxinación, pero sempre o libro.

A participación do público é clave para a acción cultural. De aí que a fórmula utilizada para este recoñecemento sexa a votación dos internautas, que terán a última palabra sobre que proxecto é merecedor do recoñecemento.

Todas e todos os internautas están convidados a participar desta votación a través da web cun voto por IP.

A organización da Feira prepara un acto de entrega do galardón para o domingo 1 de decembro. Ademais o proxecto gañador contará cun espazo reservado especial na Feira durante os tres días de duración para mostrarse ao público.