O Salón do Libro Infantil e Xuvenil anuncia os artistas homenaxeados

Pontevedra
26 de xaneiro 2022

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentaba a artista seleccionada para crear o cartel que acompañará ao evento, Bea Gregores, e os nomes das dúas persoas que serán homenaxeadas no salón deste ano e que se caracterizan por ser impulsoras da literatura infantil e xuvenil galega: a escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas

A ilustradora Bea Gregores e a concelleira de Cultura Carmen Fouces
A ilustradora Bea Gregores e a concelleira de Cultura Carmen Fouces / Mónica Patxot

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil celebrarase en Pontevedra do 11 ao 27 de marzo. Previamente, a Concellería de Cultura vai adiantando algúns dos contidos e persoeiros que protagonizarán esta 23 edición.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentaba este mércores a artista seleccionada para crear o cartel que acompañará ao evento: Bea Gregores. A propia ilustradora explicaba que se atopa moi vinculada coa cidade de Pontevedra polos seus estudos na Facultade de Belas Artes. Precisamente o lema desta edición do Salón é 'Con moita arte!', sobre o que Gregores apuntou que "este ano é dedicado á arte, co cal vincúlase moitísimo co meu traballo e co que eu dedico a miña vida e por iso estou moi ilusionada".

A artista avanzou a idea que pretende plasmar no cartel: "Gustaríame tratar as diversas ramas da arte, tanto a literatura como a escritura, a danza, o canto, absolutamente todas as artes das que podemos desfrutar no salón".

Na súa traxectoria profesional, Bea Gregores acadou o primeiro premio de 'La palabra pintada' e de 'Xuventude Crea' e ilustrou diversos libros de literatura infantil e xuvenil, como 'As lavandeiras de San Simón', 'Douche a miña palabra', 'Bicos, non balas', 'A vaca Cuca' e 'Emilia Pardo Bazán, unha mente poderosa'.

A escolla de Bea Gregores fíxose a partir da selección de portfolios de ilustradores galegos ou que residan e realicen a súa actividade profesional en Galicia, nunha convocatoria aberta á que se achegaron 39 propostas e que contou co asesoramento da Asociación de Ilustradoras e Ilustradores.

ARTISTAS HOMENAXEADOS

Nesta presentación tamén se anunciaron os nomes das dúas persoas que serán homenaxeadas no salón deste ano e que se caracterizan por ser impulsoras da literatura infantil e xuvenil galega: a escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas. O acto celebrarase o 26 de marzo e nesa xornada haberá conferencias, contacontos e unha exposición sobre os artistas. Ademais, Xosé Cobas, presentará a súa nova obra.

Marica Campo (O Incio, 1943) será a homenaxeada "no eido da palabra", adiantaba Carmen Fouces, quen se refería ao feito de que comezase a publicar cando xa pasaba dos corenta anos e que esta circunstancia terá un debate no Salón para saber se o feito de ser muller neses anos condicionou esta decisión. Como mestra, Campo estivo moi en contacto co público mozo, para o que escribiu obras como 'Confusión e morte de María Baleira' ou 'Pedinche a luz prestada', entre outras. A concelleira de Cultura destacaba a obra 'Nosoutras', ilustrada por Menchu Lamas e que recibiu o ano pasado o premio Rosalía de Castro ao libro mellor editado.

Xosé Cobas (Negreira, 1953) recibirá unha homenaxe pola súa achega á "historia contada con imaxes", que combina coa pintura. Cunha obra moi ampla, Cobas suma 220 libros ilustrados e 35 anos adicados á ilustración infantil. Entre as súas obras, a concelleira de Cultura sinalaba os dous últimos traballos pola súa vinculación coa cidade de Pontevedra: 'O pintor cego' con texto de Xabier Docampo e editado por Kalandraka e 'O xenio da cidade do sal' que parte dun texto da escritora pontevedresa Fina Casalderrey.
 

Arquivado en