O Salón do Libro Infantil de Pontevedra "salta o charco"

Pontevedra
25 de maio 2016

Representantes do Salón están presentes na Feira do Libro de Bos Aires, no Cervantes de Nova York e proximamente en Río de Janeiro. Chega ao outro lado do Atlántico grazas a Polo Correo do Vento, que leva anos formando parte da programación, e de Ledicia Costas, a Premio Nacional de Literatura

Polo correo do vento
Polo correo do vento

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra deu un paso máis ao traspasar fronteiras e chega a América grazas a Polo Correo do Vento, un grupo que leva varios anos formando parte da programación do evento. Tamén a escritora Ledicia Costas, a Premio Nacional de Literatura que publicou en exclusiva para o Salón a súa obra 'As peripecias de Extravaganzza Pérez' sobrevoa o Atlántico para falar do Salón pontevedrés.

Entre o 25 de abril e o 2 de maio, Quique Mauricio e Carlos Taboada, os integrantes de Polo Correo do Vento, realizaron diferentes actividades e sesións de contacontos, con visitas ao Museo de Belas Artes, colexios e hospitais. Segundo sinalaron, a feira de Bos Aires ten unha finalidade máis comercial e o acceso ten un custo.

Mauricio e Taboada ofreceron material divulgativo e promocional do Salón pontevedrés. Este achegamento servirá para que se vaian establecendo futuras colaboracións.

Pola súa banda, a escritora Ledicia Costas viaxou a Nova York para impartir no Instituto Cervantes unha charla na que presentou o Salón como un "referente mundial". A autora trasladarase o 12 de xuño a Río de Janeiro para participar como embaixadora pontevedresa no Salao do Livro para Crianças, que chega ao seu décimo oitava edición.