O Salón do Libro homenaxea aos centros de ensino e ás persoas que fixeron posible chegar ás 25 edicións

Pontevedra
09 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A profesora Milagros Paz, Roberto Rivas da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a escritora Fina Casalderrey e un grupo de monitores foron os encargados coas súas intervencións de representar diferentes colectivos que formaron parte do proxecto desde o seu nacemento

Fina Casalderrey no Salón do Libro
Fina Casalderrey no Salón do Libro / Concello de Pontevedra

Este sábado tivo lugar a homenaxe do Salón do Libro que no seu 25 aniversario quixo recoñecer o traballo levado a cabo polos centros de ensino co profesorado á cabeza e a todas as persoas que desde diferentes ámbitos e profesións, fixeron posible que este sexa un dos eventos de promoción da lectura máis lonxevos do Estado.

Con Andrea Bayer e Xacobe Rodríguez -mestres e colaboradores habituais do Salón- como presentadores do espectáculo, fixeron un percorrido dende que xurdiu a iniciativa do proxecto da man de Luís Bará e Kalandraka, as primeiras edicións na cafetería, a chegada da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a asociación Máis Libros, as colaboracións de particulares, das escolas, profesorado, Belas Artes, Escola de Canteiros, Cuarto Escuro, o Seminario Permanente de Jazz, os diferentes autores, ilustradores, o nacemento de Orbil da man de Kiko Dasilva, o monitorado, contadores, o traballo dos técnicos, comunicación, persoal admininstrativo, e demáis,

Entre anécdotas foron subindo ao escenario en primero lugar Fina Casalderrey, que tivo un recordo moi especial para a persoa de Mercedes Vázquez, Agustín Fermández Paz ou María Victoria Moreno. Ela participou no Salón como autora, homenaxeada no ano 2019 pero tamén como mestra "os profesores facemos maxia. Somos quen de facer experimentos sen laboratorio, facer teatro sen auditorio. Tamén foi moi especial para min traer ao Salón o espectáculo 'Imos cambiar o mundo' do álbum Lingua Guapa. Quero tamén agradecer ao Concello que sempre estivo presente, poal súa iniciativar e por mantela ata aquí'.

Na súa intervención Roberto Rivas, que chegou ao Salón na segunda edición, lembrou diferentes colaboracións e anécdotas das montaxes "que faciamos con poucos medios pero moita ilusión con Belas Artes, a Escola de Canteiros, carpitería da Xunqueira, etc. Fixen desde aquela moitos roteiros e aprendín moito. Gardo desdes anos moitas lembranzas e moitas relacións persoais. Agradezo a quen no seu momento quixo que formara parte deste proxecto e agardo que esteamos aquí festexando outros 25 anos".

En representación do profesorado subiu o escenario Milagros Paz, profesora que durante moitos anos trouxo ao seu alumnado cos seus traballos ao Salón, que estableceu lazos con diferentes integranres do Salón. Tivo palabras especiais para as desaparecidas Mercedes Vázquez e María Paz, que durante moitos anos, dentro da Asociación Paspallás foi parte da equipa de ambientación. 

Ao remate da súa intervención o alcalde, Miguel Anxo Ferández Lores fixo entrega duns agasallos á libreira Luz Gallego, á narradadora oral Tareixa Alonso e á mestra Milagros Paz, que comezan agora a súa xubilación. Nunha breve pero emotiva intervención, Lores manifestou "estou moi orgulloso de ser alcalde dunha cidade que é capaz de facer o que se fixo. Levo a todas e todos os que estadades e aos que xa non están no corazón. Que veñan 50 máis porque somos quen de poder facelo".

Mentres Andrea e Xacobe ían amosando os 25 carteis das 25 edicións do Salón lembrando os respectivos ilustradores e contando vivencias, escoitáronse pezas como 'Let it be' ou 'Over the rainbow' da man de "Shi Quartet" que deron paso á intervención do monitorado do Salón: Diego, Uxía e Noela tiveron as súas primeiras experiencias no Salón cando tiñan 5 ou 6 anos. "Esas lembranzas son máxicas e estarán na nosa memoria para sempre. E moi especial, tendo medrado nós no Salón ver agora como medran as crianzas sendo monitoras".

Para rematar o acto, tivo lugar a emotiva intervención dos nenos do Coro Luís Alvárez Limeses que - baixo a dirección da mestra Reyes Carballo - interpretaron a canción de Fina Casalderrey 'Imos cambiar o mundo'. A mascota Orbil apareceu por sorpresa ao final para saudar ao público e agasallar uns libros a Andrea e Xacobe.