O Salón do Libro homenaxea a Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva, defensores da creatividade en galego

Pontevedra
08 de maio 2021

O acto celebrábase este sábado no Pazo da Cultura coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira de Cultura, Carmen Fouces. O editor Francisco Castro e o escritor Manuel Lourenzo realizaron o laudatorio sobre estas dúas recoñecidas figuras da literatura infantil en galego

Homenaxe a Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva
Homenaxe a Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva / Cristina Saiz

O Salón do Libro vestíase este sábado de gala para realizar unha homenaxe a dúas das figuras máis importantes para a literatura infantil e xuvenil en galego, Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva.

O acto celebrábase no Pazo da Cultura coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que entregaban unha figura do loro Ravachol aos dous homenaxeados.

O editor Francisco Castro foi o encargado de realizar o laudatio da escritora nada en Becerreá e lembrou que hai case medio século que ela iniciaba o seu percorrido literario coa súa primeira publicación en galego. Destacou algunhas das obras desta autora como 'Contos do paxaro azul', 'Fina, a pirata' ou 'A fuga de Guillermo' e destacou a súa militancia e o seu defensa da lingua. 

A continuación, Helena Villar Janeiro comentou que lle gustaba a solemnidade do acto dentro dun Salón que promove a lectura, a creación e o cultivo persoal e colectivo. Tamén incidiu nas coincidencias entre Kiko da Silva e ela en relación co ano 1979, cando ela publicou o seu primeiro traballo, e o ilustrador nacía. "Algo faremos xuntos. Non pode quedar este xuntoiro no baleiro", apuntou a autora.

Pola súa banda, o escritor Manuel Lourenzo González foi o encargado de realizar un glosario sobre o traballo e a calidade artística de Kiko da Silva, un licenciado en Belas Artes que creou e dirixiu a revista 'Retranca' sen axudas, sendo un editor comprometido, creador da Escola O Garaxe Hermético e de publicacións como a revista BD Banda, ademais de ser o deseñador da mascota do Salón do Libro, o lobo Orbil, entre outras moitas facetas.

Precisamente Kiko da Silva fixo referencia aos 16 anos de andaina de Orbil, o lobo bo que só devora libros e realizou un discurso lembrando que hai miles de anos uns homínidos foron os primeiros que comezaron a plasmar con debuxo as paredes dunha cova cunha "mestría que aínda segue a sorprendernos". Así sinalou que as covas son os primeiros libros ilustrados e xerme da narrativa gráfica. Por iso convidou a deixar a un carón o ego e buscar a esencia da profesión lembrando que "a humanidade non existiría sen a creatividade, necesitámola para vivir".

 

Arquivado en