Unha imaxe máis moderna e adaptada aos tempos. Así describen desde o Concello como será a renovada carta de presentación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
A partir de agora, a nivel comunicativo, este evento será coñecido como O Salón. Trátase, segundo Carmen Fouces, dunha aposta inmersa no proceso de internacionalización de esta cita cultural de referencia na cidade.
A nova web, que contará cun dominio propio .gal, busca ser "un escaparate ao mundo do que é O Salón e que se convirta tamén nun centro de recursos para os centros escolares".
Así contará cun apartado de teleSalón, podcasting e clubes de lectura que se irán enchendo co contido que produzan os centros logo de asistir se así o desexan aos tres cursos formativos que se impartirán en novembro.
A concelleira de Cultura destacou tamén a importancia de atraer nova estruturas e organismos á engranaxe do Salón, tales como a Universidade, logo de 19 anos dunha potente traxectoria.
O resto dos apartados da web están destinados ao Concurso Internacional de Ilustración que xa está a recibir boas propostas, á vindeira edición "Mulleres de conto", ao país convidado, que será México, ás anteriores edicións do Salón e a facilitar aos centros unha bibliografía que lles permita traballar en torno ao tema deste ano.
Outra das novidades é a creación dun club de lectura con mediadores do mundo da lectura, formado por 12 persoas entre as que se atopan libreiros, bibliotecarios, docentes e xornalistas da cidade. A intención é crear unha rede na cidade que teña continuidade e percorrido e que chegue a funcionar case dun xeito automático.
O título que xa está a ler o club é Corredora de María Reimóndez, e o encontro/cea coa autora será o vindeiro xoves 2 ás 21:30 horas no Restaurante Santa Clara.
A principal peculiaridade é que son público adulto lendo e comentando literatura destinada nun comezo a público xuvenil, "pero é literatura de altísimo nivel e perfectamente válida para adultos", apuntou Fouces.