A temática elixida para o XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, 'Da ciencia á ficción', propiciará este ano unha colaboración novidosa nesta cita cultural, a do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT), que ten unha sede na Coruña, pero é de titularidade estatal.
Co obxectivo de visualizar "como as novelas nos devolven á infancia; a imaxinar", o Museo convida aos estudantes de 6 a 18 anos a escribir sobre as ideas de orixinais inventos que se lles puideran ter ocorrido durante ou despois da lectura dunha novela. Para iso, toman como exemplo a traxectoria do palentino Adrián Álvarez (1884-1950), que despois de ler a Julio Verne construíu na súa casa un tanque submarino cun dispositivo para a rexeneración de aire no seu interior.
Os estudantes poderán resumir nun relato dun máximo de 1.100 palabras como sería o invento perfecto e a súa utilidade na vida real. Segundo indican dende a institución, valorarase tanto a orixinalidade do invento como a forma ou o estilo do relato.
Os orixinais deberanse enviar durante o tempo que se desenvolverá o Salón do Libro, entre o 27 de febreiro e o 28 de marzo, ao correo electrónico [email protected], indicando o nome do alumno e o centro de estudos ao que pertence e poñendo no asunto 'Concurso de relatos do Muncyt'. Aínda que o gañador será só un estudante, o premio será colectivo e consistirá nunha viaxe á cidade herculina acompañado dos seus compañeiros de clase para pasar o día no museo de ciencia e tecnoloxía e gozar dunha visita guiada. O museo porá a disposición do público as bases completas unha vez inaugurado o salón.
Ademais, o MUNCYT participará no Salón do Libro coa actividade dos 'labirintos tecno-lóxicos'. Consisten nun circuito de labirintos de tamaño real que se poderán percorrer buscando o camiño correcto a través da lóxica científico-tecnolóxica. Os seus títulos son 'Figuras xeométricas' (para os máis pequenos), 'Fibonacci' e Li-Te-Ra-Th-Os'. Os labirintos terán distintos niveis de dificultade para que podan participar todos os públicos aprendendo ciencia xogando.