O Salón do Libro estará adicado a 'O Cinema' e Francia será a cultura convidada

Pontevedra
24 de setembro 2024

Os 11 mozos chegados do Collège Lycée Montalembert da cidade de Doullens terán unha participación especial no vindeiro Salón do Libro infantil e xuvenil que terá lugar do 21 de marzo ao 6 de abril de 2025 con Francia como cultura convidada e que terá o cinema como tema central

Orbil, o lobo do Salón do Libro, saiu a saudar aos nenos ao acabar a función
Orbil, o lobo do Salón do Libro, saiu a saudar aos nenos ao acabar a función / Clara Alonso

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra estará adicado a 'O Cinema' e Francia será a cultura convidada. 

O Salón do Libro celebrará a súa 26 edición entre o 21 de marzo e o 6 de abril do vindeiro ano.

Esta información foi comunicada aos centros de ensino da cidade no mes de xullo e moitos deles están xa a traballar nesta liña, por exemplo o IES Xunqueira 2.

Este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández e o concelleiro de Educación e Cultura, Demetrio Gómez, recibiron a visita do alumnado do Collège Lycee Montalembert de Dullens, que permanece na cidade estes días grazas ao intercambio co IES A Xunqueira 2 a través do programa EDUFRANCE.

Esta visita está moi relacionada co Salón do Libro, tal e como dixo na recepción o concelleiro Demetrio Gómez que, preguntando ao alumnado francés polos seus libros, música e filmes favoritos, apuntou que "imos recopilar as súas recomendacións de libros, pelis e música en francés -porque as cancións tamén son literatura- e colgar eses videos na canle de youtube do Salón. Estamos encantados de telos como embaixadores do Salón en Francia".

"Tamén imos pedir ao alumnado de aquí que recomende aos mozos/as franceses/as libros en galego, para fomentar así o intercambio e o coñecemento de ambas culturas. Cando marchen, van levar para o seu centro como agasallo un lote de libros representativos da literatura galega, para que teñan un anaquiño dela na súa biblioteca", engadiu.

Na súa intervención, o rexedor deulles a benvida e faloulles sobre a cidade, o modelo urbano e o "posicionamento internacional que logrou acadar a longo dos últimos anos".

O grupo de 11 mozos que viven esta experiencia están aloxados nos fogares do alumnado do IES A Xunqueira 2, que fixo o mesmo na súa visita a Francia no mes de maio.

Estes rapaces franceses levan en Pontevedra desde o mércores e segundo comentou a profesora que os acompaña "gústalles moito o ambiente da cidade, a xente. Tamén a tortilla de patacas. Onte visitamos as Illas Cíes e pese a que a auga estaba fría, tomaron un baño. É o segudo ano que participamos neste proxecto e estamos encantados".

Pola súa banda a profesora da Xunqueira 2 apunta que este programa permite crear unha base para que, se eles queren, continúen en contacto.