Iratxe López de Munáin recolleu o premio "Cociña de contos" á mellor proposta de ilustración para o álbum ilustrado Hansel e Gretel.
O seu traballo chegou á final, xunto a outros catro, tras un proceso de selección previa entre os 161 presentados procedentes de toda Europa. Os outros finalistas foron Josep Rodés (Barcelona), Sandra de la Prada López (Barcelona), Anna Stosik (Polonia) e Natalia Uryniuk (Polonia), esta última tras converterse a súa ilustración na máis votada en Facebook.
Ademais dos 3.000 euros en metálico, o premio outorga á gañadora a ilustración do álbum que se editará en galego, español, portugués e polaco.
Os traballos dos quince finalistas no concurso forman parte, xunto ás ilustracións premiadas, dunha exposición itinerante que, ademais de en Pontevedra, estará en cidades de Portugal e Polonia. En Madrid poderá gozarse na Casa do Lector.
A entrega do premio complementouse cun "Taller de pocións de transformación" que dirixiu a ilustradora. Iratxe desvelou aos nenos todas as claves deste conto que tivo un gran protagonismo nesta edición do Salón do Libro.
Ademais o martes tamén se presentaron as obras "O soño dunha marioneta" de Fernando Rubio e "O utopifono", de Aurora Rúa.