O Salón do Libro entra na súa recta final tendo recibido xa 24.000 visitas

Pontevedra
19 de abril 2016

A media de afluencia de público por día ata o momento aumenta en 232 persoas con respecto ao ano pasado

Salón do Libro
Salón do Libro / Salón do Libro

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a menos dunha semana de pechar as súas portas, conta xa con 24.000 visitas. A media diaria de persoas que puideron gozar dos obradoiros, funcións, concertos, proxección de filmes aumentou en 232, estando cifrada en 1.404 persoas por día este ano e en 1.172 na pasada edición.

Ata o de agora, case 5.000 nenos de educación infantil e primaria pertencentes aos centros colaboradores asistiron aos seus respectivos obradoiros e contacontos de balde como premio ao seu traballo.

Ao mesmo tempo, preto de 7.000 escolares de centros non colaboradores participaron do Salón asistindo a 9 pases de 6 espectáculos diferentes e realizando visitas guiadas á Sala. Nos próximos días seguirán a realizarse visitas guiadas e terán lugar unha charla-espectáculo agasallo para os IES colaboradores á que asistirán arredor de 400 escolares e a función "Raclette" destinada a alumnado de educación secundaria e bacharelato. "Raclette" tamén se escenificará nunha función aberta ao público que terá lugar o venres 22 de abril ás 21:00 horas e con un prezo de 5 euros.

ESPECTÁCULOS MÁIS DESTACADOS

Entre os espectáculos con máis afluencia, seguen a destacar os musicais de carácter familiar. Se ben "A bichería canta!" -de Migallas Teatro- e "Brinca Vai 2.0" -do músico Paco Nogueiras e o artista dixital José Miguel Sagüillo- conseguiron reunir a uns 520 asistentes cada un, o concerto de Sons miúdos logrou colgar o cartel de "cheo total" días antes da celebración do espectáculo. Pequenos e non tan pequenos puideron percorrer deste xeito a historia da música infantil galega cunha narración de xeito teatral que contou coas cancións máis coñecidas de protagonistas como Magín Blanco (A nena e o grilo), Uxía (María Fumaça), ou Gloria Mosquera (Mamá Cabra).

CLAUSURA CON "O ESQUÍO RAMPANTE"

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra quere celebrar o día mundial do libro de tres xeitos diferentes: narrando, musicando e ilustrando. Para isto estreará ás 18h30 do próximo sábado 23 de abril o conto musicado e ilustrado ao vivo "O esquío rampante". Nel, o colectivo Polo Correo do Vento, acompañado por un quinteto de corda, realizará unha longa travesía por medio da voz, a música e a pintura, baseándose no libro "O esquío rampante" de Enrique Mauricio e Carlos Taboada.

"O esquío rampante" é un conto que relata as aventuras que lle suceden a Cósimo, da familia Piogalego de Siador, na procura dun remedio sanador para tratar unha doenza do carballo centenario onde reside esta prole de esquíos. Enrique Mauricio e Carlos Taboada -Polo Correo do Vento- transmitiranlle aos nenos con este espectáculo valores como a amizade, a solidariedade, o amor á natureza, o coñecemento das árbores e plantas como valores fundamentais a través desta máxica obra.

Ademais, como agasallo especial por ter lugar o espectáculo o próximo 23 de abril, día do libro, todos os asistentes poderán recoller o seu exemplar de "As peripecias de Extravaganzza Pérez" ao mercar a súa entrada.