O Salón do Libro entra na recta final

Pontevedra
01 de abril 2017

Despois de tres semanas, pechará as súas portas este domingo 2 de abril. Antes da súa despedida ata o ano que vén, as dúas últimas xornadas terán unha programación na que os libros serán os protagonistas indiscutibles

Actividade do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra o venres 31 de marzo
Actividade do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra o venres 31 de marzo / Alba Sotelo / Salón do Libro

Chega a recta final do XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que, despois de tres semanas, pechará as súas portas este domingo 2 de abril. Antes da súa despedida ata o ano que vén, as dúas últimas xornadas terán unha programación na que os libros serán os protagonistas indiscutibles, en todos os seus formatos, desde a homenaxe ás publicacións xigantes e a lista de honra. 

Este sábado 1 de abril unha das citas centrais será ás 12.00 horas con Polo Correo do Vento, que presentan o libro Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Unha pequena biografía de Maruja Mallo. A actividade, pensada para o público familiar a partir de 3 anos, incluirá a sesión de contacontos ilustrado na que os asistentes aprenderán a facer os seus propios debuxos dun xeito divertido.

Este domingo 2 de abril o protagonismo adquíreo o conto musicado As portas de Escaquis ás 12.00 e ás 18.30 horas, con Lucía Aldao, María Lado e o Seminario Permanente de Jazz. O público é quen escolle o que ocorre neste conto, unha aventura polos mundos posibles baseada na novela Escaquis e Romeu, creada para este Salón do Libro. 

Ás 13.00 horas do domingo está prevista a presentación do libro xigante elaborado por participantes e ilustradores do obradoiro dirixido por Víctor Rivas (Shaggy Dragon Design). 

Na programación non faltará a vertente musical. O sábado ás 18.30 horas, o grupo formado por Paco Cerdeira, Ánxelo de Xermar, Ro Muñoz e Paula Romer, A Gramola Gominola, estrea o libro/cd editado por Galaxia Cancións para desafinar, unha proposta de rock en galego para público familiar dos finalistas nos premios Martín Códax da Música 2016. Será no auditorio do Pazo da Cultura e as entradas teñen un prezo 3 euros.

Non faltarán os obradoiros e outras actividades que se poden consultar aquí

Arquivado en