O Salón do Libro despide a súa XX edición cun desexo: que veñan 20 máis

Pontevedra
12 de abril 2019

26.000 persoas de todas as idades gozaron da ampla programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que festexou 20 anos diversificando a súa oferta

Clausura do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Clausura do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra / Mónica Patxot

Despois de tres semanas de actividades e diversión, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra despediu este venres a súa XX edición no Pazo da Cultura, nun ano marcado pola influencia da lusofonía.

Ao longo de todos estes días foron preto de 26.000 as persoas de todas as idades, nenos e adultos, as que gozaron da súa ampla programación nunha edición que tentou diversificar a súa oferta.

O acto de clausura do Salón do Libro estivo conducido por Andrea Bayer e contou co alumnado do RockLab para que puxese ambientación musical e celebrase con Orbil os 20 anos de vida do evento.

A consolidación de público adolescente, a baixada da cociente de escolares por día en fomento da calidade das actividades e a expansión do Salón pola cidade foron algúns dos obxectivos que a organización considera cumpridos.

"Non é posible agradecer unha a unha ás miles de persoas,público incluido, que fixeron posible o Salón", sinalou na súa intervención a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que se quixo acordar de Luís Bará como a persoa "que ao longo da súa vida espallou unha morea de proxectos maravillosos como o Salón".

Os discursos deron paso a un vídeo no que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e diversas persoas da vida cultural contaron o que significa o Salón do Libro para eles e para a cidade.

Ao final, 20 nenos e nenas sopraron as velas sobre o escenario cun desexo, que veñan polo menos 20 anos máis de Salón  do Libro Infantil e  Xuvenil.