O Salón do Libro chega ao seu ecuador acadando as 19.000 visitas

Pontevedra
16 de marzo 2015

A partir de mañá e ata o xoves van desenvolverse matinalmente dúas funcións para centros colaboradores de educación infantil que asistirán ao espectáculo inédito de Baobab Teatro 'Luppo'

Sesión de contacontos de Pavís Pavós no Salón do Libro
Sesión de contacontos de Pavís Pavós no Salón do Libro / Salón do libro

O Salón do Libro chega á metade do seu percorrido, tras doce días de numerosas actividades, coa presenza de preto de 19.000 visitas procedentes de toda Galicia, entre as que destacan máis de 2.900 escolares pertencentes a centros colaboradores desta edición.

A partir deste martes 17 de marzo e ata o xoves realizaranse dúas funcións para centros colaboradores de educación infantil que asistirán ao espectáculo inédito que leva por título 'Luppo', da compañía Baobab Teatro. Esta obra trata as relacións dos nenos cos maiores e do ciclo da vida en xeral con oito personaxes elaborados con cartón. A montaxe conta cunha formulación musical destacada e os espectadores poderán gozar de estilos distintos que van dende a ópera ata a música popular galega.

A obra repetirase durante tres días no auditorio do Pazo da Cultura ás 18:30 horas. As entradas, ao prezo de tres euros, poderanse adquirir unha hora antes de cada función na billeteira.

Este luns 16 de marzo finalizaron os obradoiros e as sesións de contacontos matinais concertados con centros escolares colaboradores despois de 12 días de intensa actividade. Os primeiros cursos de primaria gozaron de '3,2,1 conto!!! ' de Pavís Pavós e do 'Cientificonto' do CSIC.

Tamén se desenvolveron cinco obradoiros para nenos que cursan dende segundo ata sexto de primaria achegándoos á ciencia e á ficción. 'Extracción de ADN', impartida polo CSIC Galicia mostra como se realiza este proceso empregando a froita, "Animalario" permitiu aos pequenos crear animais fantásticos e aqueles que querían construír unha comunidade alieníxena participaron de 'Peletre', de Anxo Fariña. 'A miña primeira investigación' foi unha experiencia para descubrir o ph dos refrescos ou do leite e o taller de 'Ilusións ópticas', impartido por Itziar Ezquieta serviu para explorar as capacidades do cerebro para autocompletar os diferentes estímulos.