O Salón do Libro chega a súa fin cos mellores desexos para a cidade

Pontevedra
28 de marzo 2015

Conclúe a XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil dedicado á ciencia e á ficción co soterramento do depósito de desexos para a Pontevedra do futuro

Os nenos deixan un depósito de desexos para o futuro dentro das actividades do Salón do Libro
Os nenos deixan un depósito de desexos para o futuro dentro das actividades do Salón do Libro / PontevedraViva
A concelleira de Cultura avalía o Salón do Libro 2015 /

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil chega este sábado 28 á súa última xornada na que, a través dun acto simbólico, os nenos depositaron unha caixa na Illa do Covo (Illa das Esculturas) cos desexos para o futuro da cidade, ademais de plantar unha árbore. En 2020 abrirase a caixa para comprobar se se cumpriron eses desexos.

A este acto acudiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, ademais do equipo encargado da organización do Salón do Libro coa xerente do Pazo da Cultura, Pilar Portela, á cabeza.

Anxos Riveiro destacaba esta actividade porque enterrar a cápsula do tempo cos desexos dos pequenos forma parte dese xogo establecido a través da edición deste ano dedicada á ciencia e á ficción. Sinalou que a plantación da árbore tamén serve para que os nenos aprendan a valorar o espazo natural e para que tamén se coñeza cada vez máis a Illa do Covo como espazo para actividades deportivas e culturais.

Por outra parte, a concelleira de Cultura avaliou o desenvolvemento da edición deste ano do Salón do Libro cualificándoa de "espectacular". Sinalou que ademais do numeroso público que participou nas actividades se observou a implicación cos temas científicos que foron tratados de xeito moi natural por todos os que interviñeron nesta edición. Destacou, neste sentido, a charla do investigador Ángel Carracedo polas súas explicacións e as preguntas que os nenos realizaron ao experto científico.