O Salón do Libro cambiará de data en 2016 e celebrarase en abril

Pontevedra
27 de abril 2015

Así o asegurou a concelleira de Cultura e responsable do Salón, Anxos Riveiro, nunha entrevista concedida á Revista Criaturas, na que declara que "nos gustaría iniciar unha nova etapa"

Anxos Riveiro e Orbil presentan o XVI Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Anxos Riveiro e Orbil presentan o XVI Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra / Mónica Patxot

Despois de 16 anos o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra converteuse por dereito propio nunha das grandes citas anuais na cidade.

Non é para menos, e é que na última edición, celebrada durante o mes de marzo, pasaron polo Pazo da Cultura e o Recinto Feiral máis de 34.000 persoas entre menores e adultos para participar das actividades e descubrir os segredos da ciencia e a ficción, temática sobre a que xirou o Salón.

Pero manter o nivel non é sinxelo e por iso trabállase xa, a un ano vista, na próxima edición, que deparará importantes novidades.

A principal, segundo desvelou a concelleira de Cultura e responsable do evento Anxos Riveiro nunha entrevista concedida á Revista Criaturas, será un cambio de data: "O que si podo avanzar é o cambio de data, xa que terá lugar en abril", respondeu a responsable municipal a preguntas de Ana López, colaboradora habitual de PontevedraViva.

Riveiro sinalou que "o proxecto vai cara un formato moi diferente no 2016, cando nos gustaría iniciar unha nova etapa", aínda que non quixo desvelar "algunha novidade máis que aínda non podo contar".