O Salón do Libro acolle o Congreso Internacional de Mediación Lectora

Pontevedra
26 de marzo 2019

Reúne do mércores 27 ao 30 de marzo aos mellores especialistas do mundo do libro coma Marina Colasanti, Roger Melo, Volnei Canónica ou Lucas Ramada, entre outros

Salón do Libro
Salón do Libro / Diego Torrado

O II Congreso Internacional de Mediación Lectora converteuse nunha peza fundamental da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no que a formación se refire. A boa resposta na pasada edición motivou ampliar a duración nun día e o aforo ata as 150 prazas, que se cubriron en poucos días maioritariamente con docentes en activo e en formación.

A revolución, lema da XX edición do salón, e a lusofonía como cultura convidada serán tamén os eixos do congreso grazas á presenza de figuras internacionais de renome como Marina Colasanti, Roger Melo (Premio Andersen de Ilustración), André Neves ou Volnei Canónica (Brasil), Zetho Gonzçalvez (Angola) ou Ana Pessoa ou José Antonio Gomes entre outros dos chegados dende Portugal.

Tamén pasarán "figuras da casa" como Rosa Aneiros ou Carlos Negro para compartir as súas experiencias neste este congreso que segundo sinalou a concelleira Carme Fouces na presentación do evento, destaca "por ir máis aló dos relatorios e ter unha formación de carácter práctico grazas aos obradoiros que impartirán estas primeiras figuras de relevancia nos eidos da literatura, a ilustración, o teatro e ate os videoxogos xa que non estarán so presentes os xeitos máis tradicionais da animación á lectura senón que cobrarán gran protagonismo as novas tecnoloxías".

É un congreso destinado a profesorado en exercicio e formación pero tamén á figuras da medición como persoal de bibliotecas e librarías.