O sacerdote Xosé Espiño Matos, III Coloniano de Honra

Poio
23 de outubro 2020

Este recoñecemento enmárcase na programación dos dez anos da Casa Museo de Colón, e tamén inclúe homenaxes a título póstumo ás figuras de Xosé Lois Vila Fariña, Manuel Modesto Doval Montes e Frei Jerónimo

 Casa Museo de Colón de Poio
Casa Museo de Colón de Poio

A Casa Museo de Colón acollerá este sábado un dos actos principais do programa desenvolvido polo Concello de Poio, a través da Concellería de Cultura e coa colaboración da Asociación Galicia Histórica, co gallo da celebración dos dez anos de vida das dependencias situadas en Portosanto (San Salvador), inauguradas en novembro de 2010. Trátase do nomeamento do III Coloniano de Honra, que nesta ocasión recaeu en Xosé Espiño Matos.

A organización entende que o sacerdote, xubilado desde 2015 tras máis de 65 anos de servizo relixioso, cumpre con todos os valores para merecer este recoñecemento, ao ser un dos grandes defensores da teoría da orixe galega de Cristóbal Colón. Espiño Matos é o autor do libro 'Cristóbal Colón: Quinto almirante da casa de Soutomaior, parente dos Deza, Mendoza e outras cases nobres. Natural de Pontevedra. Descubridor de América'.

Trátase dunha obra editada no ano 2004 na que se afonda nesta teoría. O presidente da Asociación Galicia Histórica, Pedro Martín, define a Xosé Espiño Matos como "un home culto, erudito e defensor acérrimo do patrimonio no Camiño de Santiago, que desenvolveu un labor impagable en no eido relixioso, histórico e cultural".

Ademais, tamén se recoñeceu, a título póstumo, o labor doutras personalidades vencelladas á teoría do Colón galego, como son Xosé Lois Vila Fariña, Frei Jerónimo e Manuel Modesto Doval.

O primeiro deles, considerado o cronista oficial de Vilanova de Arousa desde 2007 e falecido en 2018, foi o autor da publicación 'Cristóbal Colón e Galicia', editada en 2009 e que recolle o labor de documentación que o autor desenvolveu a través da biblioteca do Mosteiro de Poio. Ademais, colaborou estreitamente con Alfonso Philippot na consolidación da teoría do Colón galego de Portosanto.

Pola súa banda, o pai Elicio-Jerónimo López foi unha das figuras máis importantes do Mosteiro de San Xoán ata o seu finamento a principios de 2018. O seu foi un labor chave no que á conservación e divulgación da historia de Poio se refire, sendo director da biblioteca do Mosteiro durante moitos anos. A súa humanidade, respecto e coñecementos son valores que se tiveron moi en conta á hora de darlle esta homenaxe.

Por último, tamén se lembrou a figura de Manuel Modesto Doval Montes, investigador mexicano con raíces galegas falecido en 2017 e autor do libro 'Cristóbal Colón. Señor feudal galego', publicado en 2013.

Por outra banda, a Concellería de Cultura lembra que segue aberta a exposición "Facsímiles do V Centenario", no Casal de Ferreirós. A mostra ofrece documentos e material histórico de gran valor, doado polo arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro. A colección pódese visitar ata o 22 de decembro.