O rumba rock de Estopa soará no SonRías Baixas de Bueu

Bueu
06 de marzo 2017

O SonRías Baixas segue a crecer. O seu cartel incorpora a Estopa, unha das bandas máis recoñecidas do panorama musical español. Os irmáns Muñoz tamén estarán nun festival que celebrará a súa nova edición os días 3, 4 e 5 de agosto

Os irmáns David e José Muñoz, Estopa
Os irmáns David e José Muñoz, Estopa / SonRías Baixas

O SonRías Baixas segue a crecer. O seu cartel incorpora a Estopa, unha das bandas máis recoñecidas do panorama musical español. Os irmáns Muñoz tamén estarán nun festival que celebrará a súa nova edición os días 3, 4 e 5 de agosto.

Estopa son os creadores dun estilo musical propio, o rumba rock, que leva 17 anos conquistando a millóns de fans, dentro e fóra de España, e ao que pertencen algunhas das bandas máis queridas polo público do festival de Bueu.

La raja de tu falda, Poquito a poco, El del medio de Los Chichos, Como Camarón, Partiendo la pana, Vino tinto, El Run Run... os irmáns David e Jose Muñoz son autores de moitos dos grandes éxitos dos últimas décadas en España.

O seu último disco, Rumba a lo desconocido subiu tamén axiña ao número 1 en vendas, conseguindo o dobre disco de platino e esgotando entradas nos seus concertos de España e América. O vindeiro mes de agosto porán a cantar e bailar ao público do SonRías Baixas coa súa música alegre e festiva, capaz de unir a persoas de todas as idades e condicións.

Os Estopa suman a súa particular mistura de rumba, rap, reggae, rock, bolero e salsa a un cartaz no que xa estaban confirmados os arxentinos Todos Tus Muertos, Amparanoia, Sés, Narco e o proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, ARCO.