O 'Rock para salvar o planeta' despide un Salón do Libro ateigado de actividades

Pontevedra
10 de maio 2021

Desde o 23 de abril desenvolvéronse máis de 300 actividades sempre adaptadas á situación sanitaria, aplicando os protocolos e coa máxima colaboración do público familiar e escolar. Nesta edición houbo novidades como o préstamo de libros, unha furgoneta Rodalibros que viaxou polas parroquias, retransmisións en liña e a utilización do espazo ao aire libre na Illa do Covo

'Rock para salvar o planeta'
'Rock para salvar o planeta' / Cristina Saiz

Un espectáculo multidisciplinar con música, vídeos e actuacións divertidas baixo o título de 'Rock para salvar ou planeta' foi o broche final para esta  edición do Salón do Libro Infantil e  Xuvenil de Pontevedra.

O proxecto RockLab ofreceu neste acto de clausura versións de temas coñecidos do rock das últimas décadas sempre interpretado por músicos de moi curta idade e cunha atractiva posta en escena.

Durante o acto a concelleira de Cultura Carmen Fouces destacaba as dificultades e o esforzo realizado para desenvolver un evento destas características marcado polas condicións sanitarias provocadas pola pandemia e agradeceu a participación de todas as persoas implicadas no proxecto e o comportamento do público familiar e escolar cumprindo con todos os protocolos de seguridade sanitaria durante as máis de 300 actividades que se desenvolveron desde o 23 de abril, despois da suspensión da edición de 2020 debido ao confinamento provocado pola pandemia.

80 escolas de 15 países da iniciativa Escolas Unesco participaron acompañados por máis de 30 centros do municipio nas propostas que se englobaban baixo o título 'Emerxencia literaria: os libros salva o planeta' na que non faltou a homenaxe aosautores Helena Villar Janeiro e Kiko Dasilva.

Nesta edición incorporáronse novidades como a retransmisión de eventos en liña, a adaptación de espectáculos para desenvolvelos ao aire libre na Illa do Covo e a presenza do  Rodalibros viaxando polas parroquias.

Ademais, este ano entrou en funcionamento un sistema de préstamo de libros con máis de duascentas entregas e devolucións. Tamén se deixou un oco á tecnoloxía a través do Museo do Videoxogo de Cangas na Sala de Exposicións. Ademais elaboraron unha visita virtual audio-guiada que se manterá subida á web do Salón do Libro.

A ciencia foi outra das protagonistas coa representación da obra 'Os nenos da variola' cun encontro coa autora María Solar e as científicas do CSIC Luisa Martínez e Marta López, ademais do divulgador Xacobe de Toro. Todos estes contidos tamén se poden consultar a través da web. A todas estas propostas hai que sumar as habituais sesións de contacontos, obras de teatro, concertos e talleres gastronómicos Ecomerendas, roteiros ambientais e un mural colaborativo.

Carmen Fouces indicou que xa se está traballando no do próximo ano coa esperanza de que as restricións sexan menores e, de novo, os menores poidan abrazar ao lobo Orbil, a sempre querida mascota do Salón.

Arquivado en