A Praza de España de Pontevedra transformouse no epicentro do rock, con persoas procedentes de distintos puntos do norte da península, este sábado 10 de agosto co inicio das Festas da Peregrina.
O encargado de subir o pano foi El Drogas, ex líder da emblemática banda Barricada, quen trouxo o seu potente son para celebrar o 40 aniversario da fundación da banda.
Varias xeracións déronse cita nunha praza que estaba a rebordar..
O concerto comezou coa emblemática risa "ja, ja, ja, ja, ja" de "La silla eléctrica", seguido de "Esperando en un billar", nunha noite onde cada tema de Barricada resoou coa forza de antaño.
Clásicos como "Animal caliente", "No hay tregua", "La hora del carnaval" e "Okupación" fixeron que o público vibrase e cantase a coro, creando un ambiente cargado de enerxía.
El Drogas, fiel ao seu estilo, interactuou constantemente cos seus seguidores, amosando por que é considerado un verdadeiro showman e un animal escénico.
O seu carisma encheu cada recuncho da praza, especialmente cando chegou o tramo final con "Esta es una noche de rock and roll".
A despedida, co mítico "Blanco y negro", deixou a todos con ganas de máis.
Este domingo 11 de agosto, o rapeiro malagueño Delaossa tomará o relevo no mesmo escenario, prometendo outra noite inesquecible en Pontevedra.