O Río Verbena demostra ser un dos mellores festivais do verán en Galicia

Pontevedra
27 de agosto 2023

O Río Verbena reclamou o seu lugar entre os mellores festivais. O evento musical contou este sábado cos celebrados concertos de dous referentes do indie: Vetusta Morla e Xoel López, pero houbo moito máis

Río Verbena Fest
Río Verbena Fest / Cristina Saiz

O Río Verbena reclamou o seu lugar entre os mellores festivais do verán en Galicia.

O evento musical contou este sábado cos celebrados concertos de dous referentes do indie: Vetusta Morla e Xoel López, pero houbo moito máis.

Coas pilas cargadas despois da xornada do venres dedicada aos sons máis urbanos, o sábado arrincou con Desconcerto seguido do encanto escénico de Blanco Palamera: a música sincera e elegante de Manuel Blanco e Xoán Domínguez.

Ao escenario A Gramola tamén subiu a cantante canaria Marilia Monzón cunha actuación chea de dozura e autenticidade.

Jenny and the mexicats acenderon o escenario Xacobeo facendo saltar a todo Pontevedra cunha actuación chea de cor e boa enerxía nun directo de pura festa. Esta banda multicultural integrada a británica Jenny Ball como trompetista, o español David González Bernardos nas percusións e a mexicanos Pantera Mexicat como guitarrista e Icho Mexicat co contrabaixo, combina ritmos de jazz, rockabilly, folk, flamenco e reggae con cálidos sons latinos.

Logo soou o máis fiel e espectacular tributo a Joaquín Sabina e a súa banda, por conta de Conductores Suicidas e tamén soou Frecha Valona, proxecto persoal de Ezequiel Márquez, unha banda xerezana que fixa o seu estilo entre o power pop e o indie rock español.

E chegou Xoel López. 

A súa paixón e talento iluminou o Río Verbena. O público coreou todos e cada un dos temazos nun directo potente, eléctrico e virtuoso.

Xoel volveu subir ao escenario para cantar 'Finisterre' xunto a Vetusta Morla que poden presumir de contar cun dos mellores directos do estado, capaz de encher estadios. 

Un espectáculo inesquecible que pasou por Río Verbena. E no que Pucho, o líder de Vetusta Morla, non deixou pasar a ocasión de lanzar unha mensaxe ante os actos machistas vividos estes días polas xogadoras da selección de fútbol, "gracias a los movimientos feministas de los últimos años el machismo estructural y el acoso sistémico a las mujeres tiene los días contados", dixo o cantante.

A continuación, no escenario A Gramola actuaron The Rapants, cancións animadas e cheas de bo rolo desta banda de indie e garage orixinaria de Muros. O festival culminou coa sesión tecno de Galician Army ata a madrugada.