A organización da Feira das Industrias Culturais de Galicia, o Culturgal, empeza a debullar detalles da programación que encherá o Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 30 de novembro e o 2 de decembro próximos. No que ten que ver co público infantil, un dos protagonistas fundamentais da iniciativa, avanzan que o programa infantil e familiar terá máis de 35 actividades.
O programa inclúe moita música, teatro, danza, libros, arte e ciencia. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten preparado para as mañás do venres 30 de novembro e sábado 1 de decembro un programa pensado nos nenos e no espazo gastro terán un oco especial para almorzar ou merendar.
Ademais, haberá visitas teatralizadas con Barafunda Animación o venres 30 pola mañá. Os centros escolares interesados poden solicitalas a [email protected]. Aconséllase contactar coa organización canto antes, pois as prazas son limitadas.
Na programación tamén se inclúen dous espectáculos especiais (con entrada aparte) o domingo 2 de decembro no auditorio do Pazo da Cultura. Ás 12.00 horas haberá un concerto de Oviravai, co novo libro-cd 'Paio e o poder da música' e ás 18.00 horas será o concerto de Xoán Curiel, con 'A Casa do Terror'. Ambos concertos están promovidos pola Editorial Galaxia e as entradas xa están á venda en www.ticketea.com.
Culturgal 2018 conta cunha bebeteca dirixida a niños de 0 e 3 anos con Gaia Ecocrianza e un espazo de xogos populares a cargo de Miudiño S Coop. Galega.
A entrada a Culturgal ata os 14 anos (incluídos) ten un prezo especial de 2 euros e os menores de 3 anos teñen entrada libre. Tamén hai entradas a prezos reducidos para grupos familiares.
Poden consultarse todos os detalles da programación e da adquisición de entradas na web do Culturgal: www.cultur.gal.