O programa cultural Verbas en Flor lembrará a traxectoria e obra do cineasta galego José Gil

Poio
18 de abril 2023

O ciclo 'José Gil, na orixe do cinema', que se desenvolverá o venres 21 de abril, incluirá proxeccións de cinema clásico e contará coa participación do director Ignacio Vilar e o escritor Manolo González.

Conferencia sobre a axenda cultural Verbas en Flor
Conferencia sobre a axenda cultural Verbas en Flor / Concello de Poio- Arquivo

ciclo 'José Gil, na orixe do cinema' desenvolverase o venres 21 de abril no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. Esta iniciativa, que pertence a axenda cultural Verbas en Flor do Concello de Poio, consiste na proxección de pezas audiovisuais de cine clásico e contará coa participación do director Ignacio Vilar e o escritor Manolo González, autor da biografía de José Gil, titulada 'Nos días encantados de agosto'.

Segundo Raquel Rodríguez, edil de Cultura de Poio, esta actividade organizada coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Vía Láctea Filmes busca ofrecer ás novas xeracións a opción de coñecer e familiarizarse coa obra do que "sen dúbida foi un dos grandes visionarios e pioneiros do audiovisual en Galicia".

O venres 21 pola mañá o Xaime Illa acollerá estas actividades para o alumnado do centro, mentres que pola tarde serán abertas á cidadanía, desde as 20:00 horas.

O 'Cinemóbil', un vehículo para proxeccións que recolle 16 paneis informativos sobre Gil, tamén formará parte desta xornada. O automóbil visitará a Praza da Chousa de Combarro o sábado 22 de abril, entre as 10:00 e as 12:00 horas.

O ciclo sobre José Gil pecharase cunha sesión vermú que comezará ás 13:00 horas a cargo do grupo 'Entre flores'.

Por outra banda, dentro da axenda cultural Verbas en Flor, este xoves 20 de abril ás 11:00 horas terá lugar unha xornada en chave medioambiental na praia de Cabeceira, na que varios integrantes da Asociación Amicos realizarán tarefas de limpeza e retirada de restos de plástico do areal.

Esta actuación forma parte do proxecto RE-MAR e busca concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente, ao tempo que se pon en valor o labor e a capacidade das persoas que padecen algún tipo de discapacidade.