O prestixioso clarinetista Vicent Alberola dirixe a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra

Pontevedra
18 de febreiro 2014

Alberola, clarinetista da Orquestra Sinfónica de Madrid e da Dissonances de París, dirixe o concerto que se desenvolverá este mércores 19 ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura con entradas ao prezo de 8 e 10 euros

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra abre este mércores 19 a súa programación para 2014 cun concerto no Auditorio do Pazo da Cultura no que o clarinetista Vicente Alberola intervirá como director invitado.

Este concerto, presentado no Concello, coa presenza do prestixioso músico contará cun repertorio encabezado pola Sinfonía número 7 de Beethoven, a Oberón de von Weber e o concerto para trompa e orquestra de Saint-Saëns. Vicente Alberola é un destacado clarinetista que actualmente forma parte da Orquestra Sinfónica de Madrid e da Orquestra Dissonances de París, e durante máis de dez anos foi tamén clarinete principal da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Os representantes da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Ignacio García e Javier Morgade, destacaron a paixón coa que este músico interpreta todos os seus traballos e remarcaron que é todo un "referente mundial". Alberola sinalou, na presentación, que a creación de orquestras sinfónicas nas comunidades autonómas permitiu que se instalasen músicos doutras culturas e achegar os seus coñecementos nun traballo de expansión que vai "moi pouco a pouco". Para este concerto no Pazo da Cultura, o solista será Héctor M. Escudeiro. As entradas para este concerto que se desenvolverá a partir das 21.00 horas será de 8 e 10 euros.

A seguinte cita da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra será o 14 de marzo con motivo do Salón do Libro. Dous meses máis tarde, o Teatro Principal acollerá un novo concerto da agrupación e o 28 de xuño pecharase o Curso da "Rede orquestral" cun evento que se desenvolverá no Auditorio do Pazo da Cultura.