O Premio do Público do Culturgal, entre lingua, artes escénicas e cinema documental

Pontevedra
13 de novembro 2017

Portal das Palabras, FIOT (Carballo) e Play-Doc de Tui foron as tres candidaturas escollidas polas asociacións gremiais que forman parte de Culturgal e agora o público da feira nas redes ten que se decidir cal elixen. Xa se pode votar en liña desde este luns 13 de novembro 

Unha das sesións do festival PlayDoc
Unha das sesións do festival PlayDoc

O Premio do Público Culturgal 2017 recaerá este ano 2017 nos proxectos Portal das Palabras, FIOT (Carballo) ou Play-Doc. Foron as tres candidaturas escollidas polas asociacións gremiais que forman parte de Culturgal e agora o público da feira nas redes ten que se decidir cal elixen. Xa se pode votar en liña desde este luns 13 de novembro.

Para decidir as candidaturas valóranse aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.

Nesta edición 2017, o público pode participar a través da app Easypromo, especializada na xestión da participación do público en votacións en redes e que permite á feira compartila en todas as súas canles. O público poderá votar ata as 23.59 horas do luns 27 de novembro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo atrae a máis de dez mil persoas cada ano no mes de outubro. Organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o concello de Carballo e dirixido por Alberto Sueiro, constrúe unha programación comprometida co máis prestixioso do teatro actual sen esquecer a necesidade de atraer audiencia para as artes escénicas.

No caso do Play-Doc, destácase que un festival de documentais feito desde unha vila pequena, Tui, non só transforma a vida cultural da súa contorna senón que se converte nunha referencia internacional no seu ámbito. Unha cita anual na primavera que medra en cada edición, con cerca de oito mil persoas ao redor do xénero documental e o cinema independente. A asociación Best Film Series de Nova York escolleuno como "unha das dez citas cinematográficas máis excitantes do mundo".

OPortal das Palabras púxoo en marcha a Real Academia Galega, da man da Fundación Barrié, no ano 2013 e desde entón cada mañá dálles os bos días a milleiros de persoas cun novo termo do Dicionario acompañado da súa etimoloxía e exemplos tirados da literatura. As dúbidas habituais chegan á RAG por distintas canles e atopan resposta noutra sección do Portal, 'Pregúntalle á Academia', cos vídeos protagonizados polos propios académicos e membros do Seminario de Lexicografía.  

Nas anteriores edicións de Cuturgal gañaron os premios do Público da Feira o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015) e o Festival Agrogay da Ulloa (2016).

Arquivado en