O Premio Cinema Galego do FICBueu será para a actriz María Vázquez

Bueu
31 de xullo 2024

O certame recoñece dende 2016 con este galardón as achegas de profesionais da industria audiovisual de Galicia durante a súa traxectoria. Vázquez recibirá o seu recoñecemento o 14 de setembro nun evento no que tamén manterá unha conversa aberta co público do festival

A actriz María Vázquez, protagonista de 'Matria'
A actriz María Vázquez, protagonista de 'Matria' / Mónica Patxot

A actriz María Vázquez, protagonista da aclamada película Matria, recibirá este ano o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu), que celebrará a súa décimo sétima edición entre os días 6 e 21 de setembro.

O certame recoñece dende 2016 con este galardón as achegas de profesionais da industria audiovisual de Galicia durante a súa traxectoria. Vázquez recibirá o seu recoñecemento o 14 de setembro nun evento no que tamén manterá unha conversa aberta co público do festival.

En anos anteriores, os premiados foron as actrices Mabel Rivera, Melania Cruz e Luísa Merelas e os actores Miguel de Lira, Alfonso Agra, Antonio Durán Morris e Celso Bugallo.

María Vázquez comezou a súa carreira coma intérprete hai preto de 25 anos. Vencellada profesionalmente tanto ao audiovisual de Galicia coma ao español, estivo nomeada en dúas ocasións aos Premios Goya, a máis recente en 2024 pola súa interpretación en Matria.

Ao longo da súa carreira, Vázquez mereceu ademais tres Premios Mestre Mateo polas súas interpretacións noutras tantas producións.

A actriz viguesa tamén participa decote producións de teatro e televisión. O seu traballo máis recente para a pequena pantalla é na serie El jardinero, producida por Netflix e que será estreada nos vindeiros meses.

XURADO DO FICBUEU

O equipo do festival apura nestes días os últimos detalles organizativos da vindeira edición do certame, cuxos xurados para as seccións a concurso, a Oficial e Descubertas, que premia as mellores producións das autoras e autores máis novos, xa foron designados.

A directora executiva e programadora do Festival de Tampere (Finlandia), Riina Mikkonen, o director, guionista e produtor Chema García Ibarra e a programadora, crítica e xornalista serbia Tara Karajica serán as tres persoas encargadas de decidir os filmes gañadores da Sección Oficial.

Compoñen o xurado de Descubertas a fotógrafa e gestora cultural Elisa Pereira, o programador e investigador Xan Gómez e a tamén programadora, investigadora e crítica Daniela Urzola.