O Prado cede ao Museo un óleo de Eliseo Meifrén cunha espléndida vista de Pontevedra

Pontevedra
21 de novembro 2023

‘Oraciones (Pontevedra)’, que obtivo a primeira medalla na Exposición Nacional de 1906, completa o conxunto de pinturas do impresionista catalán no Museo, con varias obras resultado da súa estancia na cidade en 1904

Óleo ‘Oraciones (Pontevedra)’ de Eliseo Meifrén
Óleo ‘Oraciones (Pontevedra)’ de Eliseo Meifrén /

O Museo de Pontevedra acaba de incorporar unha destacada obra á súa colección permanente no Edificio Castelao.

Trátase do óleo 'Oraciones (Pontevedra)' de Eliseo Meifrén, unha espectacular pintura de 130 x 150 cm que recolle unha vista da cidade do Lérez ao solpor e que recibiu a primeira medalla da Exposición Nacional de 1906. A peza foi cedida en depósito polo Museo Nacional del Prado e desde este martes pódese ver nas salas dedicadas á arte española dos séculos XIX e XX.

'Oraciones (Pontevedra)' é unha pintura realizada arredor de 1905. É especialmente representativa da produción de Meifrén, ademais de ter unha evidente relación temática coa cidade do Lérez. En agosto de 1904, o pintor catalán viaxou a Pontevedra, unha estancia da que saíron varias obras que realizou nos seguintes anos. O Museo xa exhibía dous pequenos óleos que mostran as lavandeiras no río Gafos e outro cunha vista de Combarro, ademais de 'Epílogo', un cadro de gran formato datado en 1888. Este novo depósito completa o conxunto de obras desta destacada figura da pintura española do cambio de século que se exhiben no Museo.

Este óleo recolle unha paisaxe de Pontevedra ao solpor, tomada desde A Caeira, ao outro lado do Lérez. No perfil da cidade destaca unha vista subxectiva da basílica de Santa María a Maior, que sobresae sobre os tellados do barrio da Moureira e a muralla que se sitúa á beira da ría. Son precisamente os pequenos movementos das ondas e os reflexos da basílica e as luces da cidade no lusco fusco os que acaparan en boa medida o protagonismo da obra. Ata agora, o cadro atopábase depositado no Museo de Bellas Artes de Sevilla.

Eliseo Meifrén Roig (Barcelona, 1859 – 1940) é coñecido polas súas paisaxes e mariñas e é considerado un dos primeiros introdutores do impresionismo en Cataluña. Formou o grupo de Sitges xunto con Ramón Casas e Santiago Rusiñol, tamén presentes na colección do Museo de Pontevedra. En París coñeceu a pintura 'á plein air', o que influíu de maneira decisiva na súa obra. Foi un habitual das mostras e certames de pintura, nos que obtivo varias medallas en exposicións rexionais, nacionais e universais.

DOAZÓN DUN FIERROS

Estas últimas semanas o Museo de Pontevedra tamén adquiriu outra obra destacada: 'Retrato de Joaquina Porto Ximeno', pintado por Dionisio Fierros en 1857. A obra foi doada por Isabel Martínez de Orense Arenzana e atópase pendente de restauración para logo formar parte da exposición permanente no Edificio Castelao.

Trátase dun óleo de 97 x 79 cm, un retrato de gran calidade que representa a unha muller da burguesía compostelá. É un excelente exemplo da suntuosidade e do artificioso refinamento que logra Fierros como retratista durante a súa primeira estancia en Santiago de Compostela (1855-1858), na que mostra a evolución da influencia do seu mestre Federico de Madrazo.

Dionisio Fierros Álvarez (La Ballota, Cudillero, 1827 – Madrid, 1894) foi un pintor asturiano formado no taller de José de Madrazo e despois do seu fillo Federico. Tras ampliar a súa formación en París, instalouse en Santiago de Compostela, onde cultivou a paisaxe e pintou temas populares galegos. A colección de Fierros no Museo de Pontevedra inclúe outros catro retratos, ademais dun bosquexo e dúas estampas costumistas.