O posto da Deputación no Culturgal acolleu 10 presentacións de iniciativas musicais da provincia

Pontevedra
02 de decembro 2018

Foron 10 as micropresentancións que realizaron un total de 12 concellos, en dous bloques durante a xornada do sábado, nunha zona do posto provincial habilitada especificamente para este fin

Espazo da Deputación de Pontevedra no Culturgal
Espazo da Deputación de Pontevedra no Culturgal

A Deputación de Pontevedra volveu colocar un posto institucional no Culturgal para dar cabida ás propostas dos concellos da provincia, que nesta edición versaron sobre iniciativas musicais. Foron 10 as micropresentancións que realizaron un total de 12 concellos, en dous bloques durante a xornada do sábado, nunha zona do posto provincial habilitada especificamente para este fin.

A Deputación, seguindo a experiencia de anos anteriores, tamén promocionou a Gala do Ano da Lingua cun photocall que se instalou fronte ao posto institucional e que reproduce a imaxe do cartaz da gala, obra da deseñadora pontevedresa Ana Seoane.

A actividade dos concellos comezou da man de A Illa de Arousa que presentou o seu programa de 'Cantos tabernarios' coa intervención do alcalde, Carlos Iglesias, e do presidente de Dorna, Salvador Allo. A continuación foi a quenda de Silleda que chegou co 30 aniversario do 'Festival Esmorga Folk de Bandeira' e que foi presentado por Luis Villanueva, da Asociación Amigos da Empanada e organizador do certame, quen contou co acompañamento musical de Leticia Rey e da performer Cristina Collazo.

Seguiulles o concello de Poio que chegou a esta cita para presentar 'Dinamizapoio 2019: Música e-Trad' da man da concelleira de Cultura Lidia Salgueiro, e o concello de Vilaboa co 'Canteira Fest 2019' que foi presentado por Clara Bells, da Asamblea da Mocidade de Vilaboa, e por Carlos Acuña, concelleiro de Cultura e Mocidade.

A última quenda foi para a presentación da iniciativa 'Morrazo é jazz' que reúne as citas de jazz que teñen lugar nos concellos de Cangas, Bueu e Moaña. Así, interviron Xan Campos, Chus Pazos e Juansi Santomé, organizadores dos festivais nos tres concellos mencionados.

As presentacións da tarde comezaron da man do concello de Salceda de Caselas, que presentou o libro-CD 'A tradición oral en Salceda de Caselas' coas intervencións do alcalde da localidade, Marcos Besada, e do autor do libro, Xosé Ramón Paz Antón. Seguíulles Sanxenxo co II Concurso de Música Tradicional Soalleira 'Coa pandeireta na man' que estivo presentado por María Dolores Agís Otero co acompañamento musical das pandereteiras Soalleira.

A terceira quenda foi para o concello de A Guarda que presentou 'Noites no Castelo e Música nas Prazas' coa presenza da concelleira de Cultura, Elena Baz; e continuou o concello de Ponteareas coa presentación 'Ponteareas. Unha potencia musical' a cargo do alcalde, Xosé Represas, e da concelleira de Cultura, Hortesia Bautista.

Rematou este bloque de actividades o concello de As Neves coa iniciativa 'As Neves zona musical' a cargo da técnico de Turismo, María Francisco, acompañada da pianista Alba Pino.

Os bloques de micropresentacións consisten en pequenas intervencións, de cinco minutos cada unha, nas que os concellos amosan os seus proxectos ao redor da música dun xeito áxil e dinámico tanto para os visitantes da feira como para os axentes profesionais. Nesta ocasión, ademais, deseñouse unha zona específica para este tipo de accións dentro do posto da Deputación.

Arquivado en