O pontevedrés Luis Rivas expón 'Paixón pola pintura' no Palacete das Mendoza

Pontevedra
22 de febreiro 2024

A mostra promovida pola Deputación de Pontevedra estará aberta ao público ata o dez de marzo

Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas
Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas / Juan Mejuto

Co título de 'Paixón pola pintura', o artista pontevedrés Luis Rivas expón unha selección de obras no Palacete das Mendoza a partir deste venres 23 de febreiro. A exposición, promovida pola Deputación de Pontevedra, estará aberta ao público ata o dez de marzo.

Rivas leva a unha interpretación persoal o vanguardismo histórico e a Escola de Artistas de París, renovando a obra de pintores como Piet Mondrian, De Chirico ou Léger . As súas pinturas son de bases xeométricas a través de estruturas paisaxísticas arquitectónicas ás que dá un rico cromatismo. Tivo unha primeira etapa figurativa, centrada na abstracción e a cor e posteriormente, ata a actualidade, céntrase na harmonía das formas.

Tras unha etapa como futbolista profesional, Luis Rivas iniciouse nesta disciplina artística no estudo doutro pontevedrés, Manuel Aramburu. Máis adiante seguiu esta formación na facultade de Belas Artes co profesor Antón Castro.

O horario de apertura é de 09.00 a 20.00 de luns a venres, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, mentres que os domingos o horario é o matinal.