"O peor contador de historias do mundo" participará nos Sete Falares de Pontevedra

Pontevedra
20 de maio 2024

Rodolfo Castro, narrador arxentino, defínese deste xeito tan peculiar e será un dos principais atractivos da duodécima edición do Encontro internacional de contadores de historias que se celebrará do 2 ao 8 de xuño no Teatro Principal, Ruínas de San Domingos, no CITA e no Parador de Turismo. Tamén participarán, entre outros, Cándido Pazó, Atenea García, Dois dos Montes, Cris de Caldas ou Dani Blanco

Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso (Pavís Pavós) con Demetrio Gómez presentan Sete Falares
Xacobe Rodríguez e Tareixa Alonso (Pavís Pavós) con Demetrio Gómez presentan Sete Falares

Rodolfo Castro, narrador arxentino, defínese como "o peor contador de historias do mundo" e será un dos principais atractivos da programación daduodécima edición de Sete Falares, que se celebrará do domingo 2 ao sábado 8 de xuño en Pontevedra.

O Encontro internacional de contadores de historias desenvolverase en catro escenarios: o Teatro Principal; as Ruínas de San Domingos; o CITA e o Parador de Turismo; a estes puntos súmanse as rutas guiadas con contadas por Pontevedra.

Este luns, Xacobe Rodríguez e Tereixa Alonso, integrantes de Pavís Pavós, co concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentaban a programación dun evento "de luxo que temos na cidade", apuntaba o edil.

O programa inclúe dous espectáculos de pago: o inaugural e o de clausura, que se celebrarán no Teatro Principal. O resto será de entrada libre.

Para o acto inaugural, 'Tres vellas na romaría', xa levan vendidas a metade das entradas. Esta proposta ofrece as historias de Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Guti, "narradores de recoñecido prestixio, participantes en numerosos festivais de Europa e de América", afirmaba Xacobe Rodríguez. A cita será o 2 de xuño ás 20.00 horas.

Ao día seguinte, as Ruínas de San Domingos converteranse no escenario de acollida de 'Vicio houbo sempre', da narradora Atenea García. 

O 4 de xuño, tamén nas Ruínas, ofrecerase as historias do artista de Cangas do Morrazo, Dani Blanco, nas que combina tradición mariñeira con humor e rebeldía.

Cándido Pazó, un histórico da narración oral de Galicia, ofrecerá unha sesión o 5 de xuño no mesmo espazo monumental.

O xoves 6 de xuño haberá unha dobre actuación. O Teatro Principal recibirá a Rodolfo Castro e a Dois dos Montes, dúo formado por Vítor Fernandes e Estefania Surreira, na proposta 'Tres eran tres'.

Dúas horas máis tarde, o humor trasladarase ás Ruínas de San Domingos con 'De dous en dous' e a participación de Ernesto Abad e de Cándido Pazó.

O 7 de xuño, a actividade iniciarase ás 18.00 horas no CITA con Ernesto Abad

Esa mesma xornada desenvolverase un clásico de Sete Falares: 'A Ruta de Historias'. Catro grupos de cincuenta persoas camiñarán pola cidade visitando puntos emblemáticos e atoparanse cun contador de historias. A participación é gratuíta, previa recollida de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal a partir das 20.30 horas. 

Entre as 21.00 e as 22.00 horas sairán os grupos para facer os percorridos e atoparanse con Pavís Pavós, Cris de Caldas, Rodolfo Castro, Dois dos montes, Ernesto Abad e Cándido Pazó.

Xa o sábado 8 de xuño, na xornada final, haberá unha sesión no Parador de Turismo con Rodolfo Castro, un home que traballou en múltiples oficios e que leva publicados máis de vinte libros. A súa vida, que transcorre desde a ditadura en Arxentina pasando por unha emigración a México está repleta de historias sorprendentes.

Ás 18.00 horas, o CITA acollerá unha nova función de Dois dos Montes

A edición finalizará ás 21.00 horas no Teatro Principal coa gala de clausura na que participarán Dois dos Montes, Rodolfo Castro, Ernesto Abad, Cándido Pazó e Cris de Caldas. As entradas para este espectáculo de clausura pódense adquirir en Ataquilla por un prezo de oito euros.

Todos os espectáculos son para público adulto. Xacobe Rodríguez lembraba a importancia da recollida de tradición oral: "unha sociedade que conserva as historias conserva a memoria", apuntando a que estas narracións axudan a desenvolver o imaxinario colectivo e a configurar unha sociedade.