O Pazo Provincial repasa a pegada feminina na música nun espectáculo multidisciplinar

Pontevedra
25 de marzo 2023

Unha velada para revivir ás pioneiras que coa súa loita conseguiron ser recoñecidas na música pero cuxa pegada foi silenciada ao longo da historia

Espectáculo "Oh, Rosas Vivas" no Pazo Provincial
Espectáculo "Oh, Rosas Vivas" no Pazo Provincial / Deputación de Pontevedra

A deste venres foi unha velada para revivir ás pioneiras que coa súa loita conseguiron ser recoñecidas na música pero cuxa pegada foi silenciada ao longo da historia.

O espectáculo multidiciplinar "Oh, Rosas Vivas" vivido este venres no Pazo Provincial, homenaxeou a mulleres como Francesca Caccini, Elisabeth Jacquet de la Guerre ou Bianca María Meda nun escenario tan acaído para o evento como o Salón de Plenos, ateigado con máis dun cento de persoas.

Houbo música con Gallaecia Ensemble Barroco, pintura ao vivo da man do artista Yoseba Muruzábal, a videocreación de Montse Piñeiro e a poesía de María Lado, baixo a dirección da violinista María José Pámpano, creadora deste fermoso proxecto. 

Foi, como destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "unha belísima homenaxe a todas estas mulleres celebradas no seu momento, que foron coñecidas e recoñecidas, de altísima calidade na súa época e pioneiras da profesionalización da música, pero que foron esquecidas. Témolas que recuperar, rescatar as súas historias e convertelas en referentes nas que poidan mirarse as novas xeracións de músicas".

O título do espectáculo toma como referencia unha das pezas de Francesca Caccini, "Oh, Rose Vive!" e precisamente con el arrancou esta singular proposta escénica, toda unha viaxe musical polos séculos XVII e XVIII para dar a coñecer a súa aportación á historia da música.

Un percorrido que comezou en Italia con esta gran compositora e continuou con outras grandes como Isabella Leonarda, María Bianca Meda, Bárbara Strozzi, Antonia Bembo, para concluír en Francia no século XVIII con obras de Élisabeth Jacquet de la Guerre.

E, o broche de ouro, con máis rosas, con Red, Red, Rose, unha obra contemporánea doutra das grandes da música actuais, Caroline Shaw, premio Pulitzer da música en 2013.