O Pazo Provincial acolle o Encontro de Poetas en Rede

Pontevedra
26 de setembro 2015

Cincuenta e cinco autores procedentes de todo o Estado participan no recital que se celebra no Pazo provincial

Sede da Deputación de Pontevedra
Sede da Deputación de Pontevedra / Juan Mejuto

O Salón de Plenos do Pazo da Deputación de Pontevedra está sendo o escenario do XIII Encontro de Poetas en Rede, que durante este sábado reúne a 55 autores nunha maratón de poesía. O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, aproveitou a súa intervención neste evento para felicitar ás persoas que o promoven polo nivel de convocatoria e participación que conseguen acadar en cada edición.

"Non é doado crear un movemento destas características coa poesía como protagonista" afirmou o deputado, polo que "non teño máis que felicitar a todas as persoas que hoxe estades aquí para promover e difundir a vosa labor creativa, e facer da poesía unha disciplina dinámica e atractiva".

Os autores que están a participar, recitan dous poemas cada un, que posteriormente son incluídos na Antoloxía do Encontro de Poetas en Rede, que nesta ocasión contará coa colaboración do artista Antón Sobral para a portada. A celebración deste Encontro en Pontevedra foi unha proposta da pontevedresa María Pintos, que contou coa colaboración dos poetas e escritores do grupo Urdume, tamén pontevedrés.

Poetas en Rede é unha iniciativa que nace no ano 2009 co obxectivo de reunir a un grupo de poetas e poetisas que só se coñecían de xeito virtual, a través de bitácoras poéticas en internet. Desde entón, foise creando un movemento cada vez máis amplo, con participantes de todo o estado español, que xa leva unha ducia de encontros celebrados en lugares emblemáticos como o Café Gijón e El Matadero en Madrid, no Convent San Agustí de Barcelona ou no Castelo de Peñíscola.

Este recital poético vénse celebrando en dúas citas anuais, unha na primavera e outra no outono, para difundir a obra de autores e autoras de todo o estado e compartir unha fin de semana cos artistas locais dos lugares nos que se celebran, así como coñecer a súa oferta cultural e turística.  Neste XIII Encontro, ademais do recital tamén realizaron un percorrido guiado pola cidade de Pontevedra.