O pasado 22 de xullo, as artistas Élise Moreau e Noela Covelo iniciaban a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.
As creadoras están a traballar no Pazo da Cultura de Pontevedra no seu proxecto ‘En esta sala hay magia’ que nace do epílogo da ópera A frauta máxica, para indagar nos mecanismos do xénero operístico examinándoos cunha perspectiva artística experimental.
A loucura, a sexualidade e a carnalidade, revísanse coa fin de actualizar esta obra que é patrimonio sonoro europeo.
Este venres, 2 de agosto, ás 19.00h, Élise Moreau e Noela Covelo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, con acceso libre ata completar a capacidade da sala, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Pontevedra.
Paralelamente, o tándem artístico participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.