Vinte e seis proxectos artísticos desenvolvidos pola última promoción de titulados en Belas Artes integran a exposición Do final e do comezo 2022, que se pode visitar ata o próximo 30 de outubro na sala de exposicións do Pazo da Cultura.
A mostra busca "trazar unha panorámica dos intereses, tanto temáticos como técnicos, do alumnado e de todas as disciplinas coas que traballan", salientou a súa comisaria, a artista e docente Basilisa Fiestras, na súa inauguración.
Coa idea de achegar o espectador aos procesos de desenvolvemento das obras, a exposición complétase cun espazo denominado "laboratorio creativo", no que se presentan unha escolma de materiais empregados ou pezas desbotadas polo alumnado.
Ademais, tamén se poden ver dous cadros, cedidos pola facultade, da artista Berta Cáccamo, falecida en 2018, que permiten render homenaxe a unha pintora que exerceu durante máis de quince anos como profesora asociada na facultade pontevedresa.
A exposición foi inaugurada polo decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, que definiu esta mostra como "un chanzo máis nun final de curso apoteótico"; e pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que reivindicou a súa importancia para unha "cidade creativa" como Pontevedra.
Do final e do comezo ten como obxectivo plasmar o escenario artístico do alumnado, a partir dunha selección dos proxectos realizados para esta etapa, que poñen fin a catro anos intensos de traballo, e que dá comezo a novos camiños.
A mostra aproxima ao visitante ás cuestións abordadas polo alumnado, nas que son unha constante: a memoria individual e colectiva, o paso do tempo, a identidade, a paisaxe intervida, o azar, o cotiá, a representación, etc. Recorrendo a múltiples e diversos medios como a escultura, a cerámica, o vídeo, a pintura, a fotografía, a performance ou a instalación.
No Pazo da Cultura poderanse ver os traballos dos artistas: Ailén Anahí Alcoba Represas, Abraham Alonso Méndez, Raquel Álvarez Méndez, Alba Caballero Pérez, Uxía Fernández Outeiral, Carla Gasparrini, Xoel Gómez López, Uxía González Fernández, Sandra Gutiérrez Aldao/ Rubén Mascato Mirazo, Blanca Orro Toral, Lucía Perdiz Dávila, Iris Rodríguez Justo, Carmen Suárez Marcos, Anxo Valdés Estévez, Andrea Vázquez Bravo, Lorena Vázquez Cruz,, Andrea Mosquera Guerrero, María Pereira Gómez, Marta Regojo Díaz-Obregón, María Concepción Garrido Rodríguez, Manuel Rial Costa, Ángeles Fernández Agulla, Mae Pérez Álvarez, Miguel Teixeira Lamosa e Tamara Goberna García.